Dúas xovencas de Rubia Galega viaxarán a Sevilla tras a poxa de Acruga na Fonsagrada

LugoXa | TerraChaXa
As tres reses procedentes da Granxa Gayoso Castro foron adxudicadas cun prezo medio de 3.200 euros nunha cita de referencia para o sector gandeiro lucense
poxa-xovencas-A-Fonsagrada-2026
25 Apr 2026

O mercado gandeiro da Fonsagrada acolleu unha nova poxa organizada por Acruga na que se venderon as tres xovencas preñadas de raza Rubia Galega presentadas, acadando un prezo medio de 3.200 euros. A sesión chamou especialmente a atención pola presenza entre as arredor de 15 tarxetas acreditadas para participar dun gandeiro chegado desde Sevilla, que finalmente adquiriu dúas das tres reses ofertadas. O terceiro exemplar foi comprado por unha gandeira con explotación en Baleira.

A primeira xovenca da xornada foi adxudicada á criadora de Baleira polo prezo de saída, fixado en 2.900 euros. A segunda tamén se vendeu por 2.900 euros, mentres que a terceira elevou a súa cotización ata os 3.800 euros. Estes dous últimos animais marcharán á explotación do comprador sevillano, interesado en incorporar exemplares de Rubia Galega ao seu rabaño de gando selecto.

O presidente de Acruga, César Dorado, destacou que o interese chegado desde Andalucía confirma o prestixio da raza. Segundo sinalou, que gandeiros de Sevilla aposten desta maneira pola Rubia Galega evidencia a alta calidade destes animais e o recoñecemento que teñen entre criadores tanto de Galicia como doutras comunidades.

As tres xovencas subastadas, con idades comprendidas entre os 22 e os 28 meses, estaban preñadas de entre 3 e 8 meses e naceron en explotacións situadas en Becerreá, Cervantes e Castro de Rei. Posteriormente foron trasladadas ao centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, onde Acruga realiza a selección dos exemplares que participan nas distintas poxas anuais. Ademais das súas destacadas condicións morfolóxicas, produtivas e reprodutivas, sobresaen tamén pola súa liñaxe, na que figuran touros como Rufino AG, Xeitoso AG e Marcelo AG.

Na xornada participou o deputado de Medio Ambiente e alcalde da Fonsagrada, Carlos López, acompañado por César Dorado Pin e outras autoridades. A Deputación de Lugo estivo presente coa presentación dos tres animais procedentes da Granxa Gayoso Castro.

Estas instalacións provinciais, situadas en Castro de Rei, están consideradas un referente da actividade agrogandeira lucense polo labor formativo e investigador que desenvolven en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, manteñen un importante traballo de apoio á recría da Rubia Galega xunto con Acruga e acollen o primeiro centro de iniciativa pública creado en España para a recría de gando vacún de leite.

A Fonsagrada mantense desde hai anos como unha das citas máis tradicionais e concorridas do calendario de poxas de Acruga. Trátase dun municipio no que o sector gandeiro ten especial relevancia e no que existe unha notable presenza desta raza, con 34 explotacións e máis de 1.000 cabezas de gando.

A próxima cita da asociación será o 1 de maio en Láncara, durante a Festa da Tenreira Galega, evento no que Acruga participa desde hai anos con exposición de exemplares, degustación de carne e tamén, nas últimas edicións, cunha nova poxa de animais.

0.12659001350403