A Deputación de Lugo licita a mellora da estrada LU-P-4004 en Palas de Rei

A Deputación de Lugo vén de licitar un novo proxecto para acondicionar varios tramos da estrada LU-P-4004, no concello de Palas de Rei, cun investimento de máis de 324.623 euros.
A actuación afecta a unha vía que atravesa os núcleos de Devesa de Rei, Ribeira e Xende, e que é considerada especialmente relevante pola súa función de conexión entre explotacións gandeiras, un establecemento de turismo rural e varias igrexas, segundo destacou a deputada de Vías e Obras, García Porto.
As obras centraranse na reapertura de cunetas, pavimentación e mellora da sinalización, e executaranse en tres tramos concretos ao inicio e ao final da estrada, comprendidos entre os puntos quilométricos 1,3 e 3,1; 3,7 e 5,5; e 9,8 e 10,2. O prazo previsto para a execución dos traballos é de catro meses.
Paralelamente, o PSdeG de Palas de Rei celebrou a licitación desta actuación, que considera froito das xestións realizadas polo grupo municipal socialista para dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza. A voceira socialista no municipio, Ana Corredoira, sinalou que a mellora da vía foi obxecto de mobilización veciñal e dunha recollida de sinaturas.
Corredoira criticou ao goberno local do PP, ao que acusa de tentar atribuírse a xestión da obra, e defendeu o traballo do seu grupo como unha “oposición útil”, centrada en trasladar as demandas cidadás ás administracións competentes e en lograr actuacións concretas para o municipio.