A Deputación de Lugo licita obras para mellorar estradas rurais e reforzar a mobilidade da veciñanza

LugoXa | SarriaXa
Os investimentos inclúen a rehabilitación da LU-P-2904 entre Lugo e O Corgo e da LU-P-1901 na Montaña, con pavimentación e sinalización
Pilar-García-Porto
27 Feb 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou novos investimentos para a mellora de estradas provinciais, especialmente nas zonas rurais e con baixa densidade de poboación, consideradas “esenciais na mobilidade diaria da veciñanza, claves para o acceso a servizos básicos e imprescindibles para actividades económicas agrarias, forestais e turísticas”, segundo destacou Pilar Porto.

Entre os concellos de Lugo e O Corgo licitáronse traballos para mellorar preto de catro quilómetros da LU-P-2904, que parte de Conturiz desde a N-VI e actúa como entrada e saída da capital lucense. A rehabilitación afectará a un treito de 3,7 quilómetros, que comeza na Rañoá, na parroquia de Cela, e finaliza en Vilarmosteiro, no Páramo, desde o punto quilométrico 13,6 ao 17,4, incluíndo tamén a mellora de 400 metros do tramo antigo no acceso a Vilarmosteiro.

O proxecto conta cun orzamento de 294.563,31 euros e un prazo de execución de catro meses, e inclúe apertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e reposición da sinalización. Recentemente, a Deputación mellorara o tramo inicial desta estrada cun investimento de 230.000 euros, polo que con esta actuación a vía quedará renovada na súa totalidade.

Na Montaña, tamén se licitou a mellora da estrada LU-P-1901, que conecta a Fonsagrada co eixo cara Asturias por Navia de Suarna. Os traballos afectarán ao tramo entre Santiso e o núcleo urbano da Fonsagrada, desde o pk 6,4 ao 9,5, cun prazo de execución de catro meses e un orzamento de 311.311,57 euros. As actuacións incluirán reapertura de cunetas, pavimentación do firme con aglomerado e reposición da sinalización.

Pilar Porto lembrou que a Deputación xa actuara recentemente noutros tramos desta estrada, cun investimento superior a 225.000 euros, concretamente entre Lamas e Santiso e na zona de Queizán, ao sur do concello de Navia de Suarna.

0.13336420059204