A Deputación de Lugo presenta o estudo para ampliar a capacidade do Pazo dos Deportes

GaliciaXa | LugoXa
O informe propón unha reforma integral do recinto cun investimento estimado de 13 millóns de euros e a creación de 1.000 novas prazas
presentacion-proxecto-de-mellora-do-Pazo-dos-Deportes-de-Lugo
27 May 2026

A área de Deportes da Deputación de Lugo deu a coñecer o estudo técnico sobre a ampliación do Pazo dos Deportes de Lugo, un documento que analiza as posibilidades de incrementar a capacidade do recinto e as condicións necesarias para executar esta actuación.

O informe foi elaborado polos arquitectos Antonio Desmonts Sierra, Alfredo Antuña Presa, Daniel Villanueva Zarraolandia e Fran Mateos Cano, e recolle unha intervención enfocada non só ao aumento do aforo, senón tamén á mellora da funcionalidade, da seguridade e da accesibilidade do pavillón, adaptándoo ás necesidades actuais e ás posibilidades de modernización futuras.

A proposta contempla a construción dunha nova estrutura perimetral exterior á altura da terceira planta. Este espazo permitiría habilitar novos corredores de distribución e evacuación, deixando libres os actuais para instalar bancadas fixas. A actuación suporía incrementar a superficie construída do edificio, que pasaría de 11.384,75 a 14.463,5 metros cadrados, e posibilitaría crear arredor de 1.000 novas localidades para o público.

A reforma tamén incluiría a construción de novas escaleiras de evacuación e a instalación de ascensores para conectar os distintos niveis do recinto, cumprindo coa normativa vixente en materia de seguridade e accesibilidade. Ademais, prevese a ampliación dos corredores entre a pista e as bancadas móbiles para facilitar unha evacuación máis áxil e segura, así como a actualización dos sistemas de protección contra incendios e control de fumes na cuberta.

Entre outras melloras, o estudo propón habilitar novos aseos na planta superior e reformar os actuais, reorganizar os accesos e o vestíbulo principal, ampliar as zonas administrativas e de cafetería e redistribuír o palco de autoridades. O documento incorpora tamén unha estimación económica para o desenvolvemento do proxecto, cifrada en 13 millóns de euros.

Unha das actuacións previstas no estudo, a reorganización do palco de autoridades, executarase de maneira inmediata. Esta intervención, prevista para os meses de verán, permitirá habilitar 116 novas localidades para público xeral nas bancadas de cara á próxima tempada.

O VALOR DA ACTUACIÓN

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, explicou que coa presentación deste estudo “cúmprese o compromiso adquirido de analizar as posibilidades reais de ampliación da capacidade do Pazo”. Segundo indicou, tratouse dun proceso complexo que requiriu tanto traballo técnico sobre o terreo como a recompilación e estudo de documentación dun edificio inaugurado no ano 1992. Neste sentido, destacou a colaboración de Antonio Desmonts Sierra, avalada pola súa experiencia en instalacións deportivas.

Efrén Castro incidiu en que a reforma debía formularse “con rigor”, a partir dunha proposta viable desde o punto de vista técnico e tamén económico. O vicepresidente salientou que o informe presenta unha visión integral da ampliación, tendo en conta cuestións relacionadas coa seguridade, a accesibilidade e a funcionalidade do recinto. Tamén valorou a proposta estética incluída no estudo, tendo en conta “o que representan o CB Breogán e o Club Ensino e o peso que ten o baloncesto nesta cidade e nesta provincia”.

O responsable provincial sinalou ademais que o estudo marca “un camiño a medio prazo” que require da implicación de todas as administracións para poder materializarse. Neste contexto, lembrou que a Deputación investiu preto de dous millóns de euros nos últimos anos en melloras e actuacións de modernización tanto no Pazo como no Anexo, aínda que advertiu de que a institución provincial non pode asumir en solitario un proxecto destas dimensións. Como primeiro paso, avanzou que a memoria será trasladada ao Concello, á Xunta e ao Estado para que poidan analizala e abrir unha vía de diálogo.

A reforma do palco súmase ás actuacións de modernización levadas a cabo nos últimos anos nas instalacións deportivas provinciais. Entre elas figuran a renovación dos asentos do anel inferior e da iluminación, melloras de accesibilidade no exterior do edificio, traballos de pulido, vernizado e pintado da pista, a limpeza integral da fachada, a instalación de varandas nas escaleiras de acceso, a impermeabilización da cuberta e a colocación do videomarcador.

No Anexo tamén se desenvolveron actuacións como a renovación do parqué da pista e a construción de novos vestiarios para as persoas usuarias desta instalación. O investimento global destas intervencións ronda os dous millóns de euros.

0.13019800186157