A Deputación destina máis de 393.000 euros a concellos, empresas e ao sector forestal

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un novo paquete de investimentos orientado a reforzar a cooperación cos concellos, impulsar a competitividade das empresas e apoiar sectores produtivos estratéxicos da provincia. Os acordos adoptados supoñen unha mobilización de máis de 393.000 euros destinados a mellorar servizos, fomentar a actividade económica e crear oportunidades no territorio.
No ámbito municipal, a institución provincial aprobou un convenio co Concello de Foz para colaborar na organización do Arao Festival cunha achega de 18.148,79 euros. A Deputación destaca que esta iniciativa contribuirá a dinamizar a vida cultural do municipio e a favorecer a actividade económica vinculada ao comercio, a hostalaría e o turismo na comarca da Mariña.
Ademais, autorizouse un investimento de 135.000 euros para o Concello de Ribas de Sil destinado á adquisición dunha miniescavadora para labores de prevención de incendios forestais e dun camión de servizos múltiples con sistema portacontedores. O obxectivo é reforzar a capacidade operativa do municipio tanto na prevención e resposta fronte aos lumes como na prestación de servizos á veciñanza.
A Xunta de Goberno deu tamén luz verde a un convenio bianual coa Confederación Empresarial da Provincia de Lugo, dotado con 180.000 euros para as anualidades 2026 e 2027. A través do programa Lugo Presente e Produtivo desenvolveranse accións relacionadas coa dixitalización, a innovación e a sustentabilidade das empresas lucenses. O proxecto inclúe ademais a elaboración dun estudo sobre o absentismo laboral e unha guía de boas prácticas dirixida ao tecido empresarial da provincia.
Outro dos acordos aprobados foi un convenio coa Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo por importe de 60.000 euros para a creación dunha aula móbil forestal. Esta iniciativa permitirá levar formación especializada directamente aos montes, facilitando a capacitación de profesionais do sector e contribuíndo á mellora da súa cualificación e competitividade. O programa incorporará tamén contidos relacionados coas boas prácticas para a conservación da rede viaria provincial.
A voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, subliñou que estas medidas buscan fortalecer os servizos públicos, apoiar o tecido produtivo e contribuír á creación de emprego e ao desenvolvemento económico en toda a provincia.