A Deputación impulsa en Castroverde novos investimentos en mobilidade, servizos e coidados

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, reivindicou en Castroverde o papel da institución provincial como motor de investimento, cohesión territorial e políticas de coidados, nunha visita institucional na que asinou un novo convenio co alcalde, Xosé María Arias, anunciou novas actuacións e compartiu parte da xornada coas persoas usuarias do Centro de Atención a Maiores.
Durante a súa intervención, López destacou que os investimentos da Deputación buscan traducirse en melloras concretas para a veciñanza e reforzar a igualdade de oportunidades no rural, subliñando que vivir no interior da provincia non debe implicar peores servizos nin menos oportunidades.
A presidenta puxo como exemplo o modelo de atención a maiores da institución provincial, ao que atribuíu un papel esencial na garantía de coidados de proximidade, permitindo que as persoas poidan permanecer no seu entorno e preto das súas familias cando máis o precisan.
No transcurso da visita, formalizouse un novo convenio de colaboración por máis de 254.000 euros destinado a mellorar a mobilidade no municipio. O acordo permitirá actuar en camiños de Abelleira, Serés, Pereira e Covelas, pavimentar o Campo da Festa e crear unha pista deportiva, intervencións que, segundo a presidenta, inciden directamente na vida cotiá da veciñanza.
López supervisou tamén as obras de reforma e mellora da accesibilidade do Teleclube da Pumarega, financiadas a través do Plan Deputación, que achega este ano ao municipio máis de 305.000 euros. As actuacións inclúen a instalación dunha rampla, a renovación de aseos, pavimentos, pintura, reforzo eléctrico e melloras en abastecemento e saneamento.
Así mesmo, a visita serviu para anunciar o inicio das obras da nova ponte sobre o río Azúmara, cun investimento de 648.000 euros, así como a renovación dun tramo da LU-P-1201, actualmente en fase de contratación, cun orzamento de 256.700 euros. Ambas actuacións inclúen melloras estruturais e de seguridade viaria.
A xornada rematou no Centro de Atención a Maiores de Castroverde, onde a Deputación leva investidos máis de 1,6 millóns de euros desde 2021. López defendeu que estes centros representan unha peza clave do modelo provincial de coidados e subliñou a importancia de garantir a atención digna das persoas maiores no seu propio territorio.