A Deputación inicia a mellora de máis de tres quilómetros da estrada entre A Fonsagrada e Navia de Suarna

A Deputación de Lugo iniciou esta semana unha nova actuación de acondicionamento na estrada provincial LU-P-1901, que comunica os concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna. Os traballos permitirán renovar algo máis de tres quilómetros desta vía cun investimento de 297.427,07 euros.
En concreto, a intervención abrangue o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 6,430 e 9,537. A empresa Cholo SL é a encargada de executar as obras, que dispoñen dun prazo de catro meses para a súa finalización.
O proxecto contempla a reapertura e acondicionamento das cunetas, así como a pavimentación da calzada con aglomerado en quente. Unha vez renovado o firme, procederase ao repintado da estrada con marcas viarias reflexivas de cor branca. Estas actuacións están orientadas a reforzar a seguridade e facilitar os desprazamentos por unha vía utilizada habitualmente pola veciñanza da Montaña lucense.
Esta nova intervención súmase ás melloras desenvolvidas nos últimos tempos pola institución provincial na LU-P-1901. Entre elas figura a renovación do tramo comprendido entre Santiso e Santa María da Fonsagrada.
Ademais, a Deputación acometeu o acondicionamento doutros dous treitos, un entre Cereixido e Santiso e outro entre Queizán e Pin, xa no municipio de Navia de Suarna. Estes últimos traballos atópanse actualmente na súa fase final de execución.
Co conxunto das actuacións realizadas e en marcha, o investimento da institución provincial para mellorar esta estrada ascende a 780.495,36 euros.