A Deputación inicia a mellora integral da estrada entre Louxas e o límite con Asturias en Navia de Suarna

A Deputación de Lugo puxo en marcha os traballos de rehabilitación da estrada LU-P-3506, a vía que enlaza a aldea de Louxas co límite provincial de Asturias ao seu paso por Valdeferreiros, no municipio de Navia de Suarna. Esta actuación, na que a institución provincial inviste preto de 325.000 euros, permitirá acondicionar a totalidade dun trazado que supera os 4 quilómetros de lonxitude.
As obras están a ser executadas pola empresa Hordescón SL e inclúen diferentes actuacións destinadas á mellora das condicións da infraestrutura. Entre elas figuran a reapertura das cunetas, a renovación do firme mediante a aplicación de aglomerado en quente e a execución da sinalización horizontal coa colocación de marcas reflexivas brancas na calzada.
Os traballos contan cun prazo estimado de execución de 3 meses e teñen como obxectivo incrementar a seguridade viaria, mellorar a comodidade da circulación e facilitar os desprazamentos diarios da veciñanza.
A intervención adquire unha especial relevancia pola importancia desta estrada para a zona, xa que dá acceso a diferentes recursos naturais e patrimoniais destacados, entre eles áreas de sendeirismo situadas na contorna e a Igrexa de Valdeferreiros. Ademais, trátase dunha vía moi utilizada polos residentes, polo que a súa mellora contribuirá a reforzar as conexións territoriais, favorecer as comunicacións e continuar impulsando o desenvolvemento e a calidade de vida no medio rural.