A Deputación inicia o aglomerado en dous novos treitos da estrada entre A Fonsagrada e Navia de Suarna

A Deputación de Lugo iniciou os traballos de estendido da capa de aglomerado en dous novos treitos da estrada provincial LU-P-1901, vía que comunica os concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna. Con motivo da execución destas actuacións, a estrada permanecerá pechada ao tráfico rodado durante o tempo imprescindible para garantir a seguridade dos operarios e facilitar o correcto desenvolvemento das obras.
A intervención conta cun investimento de 225.786 euros e permitirá rehabilitar o firme en dous puntos do trazado. O primeiro abrangue o treito comprendido entre Cereixido e Santiso, no concello da Fonsagrada, entre os puntos quilométricos 4,360 e 6,430. O segundo executarase entre Queizán e Pin, no municipio de Navia de Suarna, do quilómetro 22,600 ao 25,312.
As actuacións previstas inclúen a limpeza das cunetas, a mellora do sistema de drenaxe, a reparación do pavimento e a renovación da sinalización horizontal. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación nunha estrada de uso habitual para a veciñanza da Montaña lucense.
Esta obra dá continuidade á actuación xa rematada entre Santiso e Santa María da Fonsagrada, tamén na LU-P-1901, na que a institución provincial investiu 257.282,29 euros.
Entre ambas intervencións, a Deputación de Lugo destina un total de 483.068,29 euros á mellora desta vía provincial, actuando sobre 7,9 quilómetros do seu percorrido para incrementar a seguridade e facilitar os desprazamentos entre os concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna.