A Deputación inicia o asfaltado da LU-P-3506 en Navia de Suarna dentro da súa rehabilitación integral

A actuación, cun investimento de 325.000 euros, renovará máis de catro quilómetros da estrada que une Louxas co límite provincial de Asturias
Inicio-aglomerado-LU-P-3506-Navia
9 Jul 2026

A Deputación de Lugo continúa avanzando na rehabilitación integral da estrada provincial LU-P-3506, no concello de Navia de Suarna. Así, comezaron os traballos de pavimentación da vía, unha actuación que obriga ao corte do tráfico durante aproximadamente unha semana mentres se executan as obras.

O proxecto afecta a un trazado de 4,483 quilómetros, entre Louxas e o límite provincial de Asturias, á altura de Valdeferreiros, e supón un investimento de 325.000 euros por parte da institución provincial. Os traballos están a ser executados pola empresa Hordescón SL.

A intervención iniciou coa reapertura das cunetas para mellorar a drenaxe da estrada e continúa agora coa extensión dunha nova capa de aglomerado en quente. Unha vez rematada esta fase, procederase á reposición da sinalización horizontal mediante o pintado de marcas viarias reflexivas de cor branca.

A LU-P-3506 constitúe unha vía de comunicación habitual para os veciños e veciñas dos diferentes núcleos rurais da zona e tamén serve de acceso a distintos espazos de sendeirismo e á igrexa de Valdeferreiros, un dos elementos patrimoniais máis destacados da comarca da Montaña.

Con esta actuación, a Deputación busca mellorar as comunicacións neste punto dos Ancares, incrementando a seguridade viaria e facilitando a mobilidade da veciñanza, ao tempo que favorece o acceso aos recursos naturais e patrimoniais do municipio.

0.14345407485962