A Deputación inicia o asfaltado do tramo urbano da LU-P-2901 en Palas de Rei

LugoXa
As obras mellorarán 816 metros da vía entre a N-547 e a rúa Agro do Rolo e culminarán coa súa cesión ao Concello
Obras-na-LU-P-2901-Palas-de-Rei
9 Jul 2026

A Deputación de Lugo iniciou os traballos de estendido do aglomerado en quente no tramo urbano da estrada provincial LU-P-2901 ao seu paso polo municipio de Palas de Rei. A actuación conta cun investimento de preto de 90.000 euros e afecta a un tramo de 816 metros comprendido entre o cruzamento coa estrada N-547 e o final da rúa Agro do Rolo, entre os puntos quilométricos 35,180 e 35,996.

Unha vez rematadas as tarefas de repavimentación, procederase ao repintado da calzada e á reposición da sinalización vertical necesaria para completar a mellora da vía.

Este proxecto enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Lugo e o Concello de Palas de Rei, que contempla tanto o acondicionamento deste tramo da estrada provincial como a súa posterior cesión á administración municipal unha vez finalicen as obras.

Os traballos están a ser executados pola empresa Francisco Gómez y Cía, S.L. e contan cun prazo de execución de tres meses.

Desde a institución provincial destacan que esta actuación permitirá incrementar a seguridade viaria e mellorar a mobilidade dos veciños e veciñas de Palas de Rei. A LU-P-2901 é unha das principais vías de comunicación do municipio, xa que conecta a localidade coa cidade de Lugo e rexistra un elevado volume de tráfico, tanto de vehículos como de peóns.

Ademais, ao longo deste tramo concéntranse numerosos establecementos comerciais e locais de hostalería, polo que a renovación do firme contribuirá tamén a favorecer a actividade económica e a dinamización social da vila.

0.14067196846008