A Deputación investirá 239.052 euros na mellora de 4,1 quilómetros da estrada entre Longoira, Sixirei e O Pando

A Deputación de Lugo aprobou a licitación das obras de rehabilitación do firme da estrada LU-P-0506, no concello de Baralla, no treito comprendido entre Longoira, Sixirei e O Pando. A actuación abranguerá unha lonxitude de 4,1 quilómetros, cun orzamento de 239.052,39 euros e un prazo de execución previsto de catro meses.
Os traballos incluirán a reapertura e limpeza das cunetas e dos elementos de drenaxe, así como a renovación do pavimento mediante a aplicación dunha nova capa de mestura bituminosa en quente. O proxecto completarase coa reposición da sinalización horizontal e vertical para mellorar as condicións de circulación e seguridade nesta vía provincial.
Ademais, a intervención contempla unha actuación puntual na estrada LU-P-0503, concretamente no punto quilométrico 0,125. Neste lugar construirase un paso elevado de peóns nas inmediacións do CPI Luis Díaz Moreno, co obxectivo de favorecer o calmado do tráfico e reforzar a seguridade das persoas que utilizan este acceso ao centro educativo.