A Deputación investirá 300.000 euros en mellorar dous accesos a Piornedo desde Navia de Suarna

A intervención permitirá renovar máis de tres quilómetros de estradas provinciais e mellorar as comunicacións de varias parroquias dos Ancares
Os-Ancares
27 Nov 2026

A Deputación de Lugo adxudicou á empresa Ovisa as obras de mellora de dous tramos de estradas provinciais ao seu paso por Navia de Suarna, cun investimento total de 300.000 euros. As actuacións permitirán reforzar as comunicacións entre varias parroquias e mellorar os accesos a Piornedo e a outros puntos de interese turístico dos Ancares.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, destacou a importancia destes traballos para garantir desprazamentos máis seguros nun municipio marcado pola dispersión da poboación e pola súa complexa orografía. Segundo sinalou, contar con boas estradas é fundamental para a vida diaria da veciñanza, facilitar a mobilidade e evitar que residir no rural supoña ter menos oportunidades.

Unha das intervencións realizarase na LU-P-3505, a vía que comunica Navia de Suarna con Cervantes a través de Vilaquinte e Donís e que constitúe un dos principais accesos a Piornedo. Os traballos desenvolveranse entre os puntos quilométricos 8,640 e 11,255, nunha estrada moi utilizada tanto pola poboación local como por ciclistas, afeccionados ao sendeirismo e visitantes que se achegan aos Ancares.

Rivera incidiu tamén na importancia turística desta vía, ao tratarse dunha das portas de entrada a un dos espazos naturais máis emblemáticos de Galicia. Neste sentido, considerou que mellorar as comunicacións contribúe a apoiar o turismo e a economía local.

A segunda actuación afectará á LU-P-3503, que conecta Silvouta con Vilor a través de Vallo. Neste caso, renovarase o firme desde o inicio da estrada ata o quilómetro 1,260. A vía dá servizo ás parroquias de Folgueiras, Santa Mariña de Vallo e Son, polo que as obras repercutirán directamente nos desprazamentos diarios dos seus habitantes.

En ambos os treitos, os traballos incluirán a limpeza e reapertura de cunetas para mellorar a drenaxe, a renovación do pavimento mediante aglomerado en quente e a reposición da sinalización horizontal e vertical.

O deputado subliñou que a conservación da rede viaria provincial é unha das prioridades da institución, especialmente nos municipios rurais, onde unhas estradas en boas condicións resultan fundamentais para favorecer a actividade económica, fixar poboación e garantir o acceso aos servizos.

0.16637921333313