A Deputación investirá 355.000 euros na reforma da Escola Provincial de Piragüismo

LugoXa
O proxecto permitirá ampliar e renovar os vestiarios, mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade do edificio, ademais de preparar as instalacións para un futuro pantalán accesible
Escola-Luguesa-de-Piraguismo-reforma-Lugo
7 Jul 2026

A Deputación de Lugo acometerá a reforma da Escola Provincial de Piragüismo cun investimento de 355.000 euros. O vicepresidente da institución provincial, Efrén Castro, presentou un proxecto que contempla a ampliación dos vestiarios, a renovación da instalación térmica e da carpintería, así como distintas actuacións destinadas a mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética do edificio.

A intervención permitirá reorganizar a planta baixa do inmoble, eliminando os espazos menos funcionais para unificar as dúas áreas de hangar e ampliar tanto o vestiario masculino como o feminino. Ademais do incremento da superficie dispoñible, os vestiarios serán renovados por completo, incluíndo unha nova distribución, a actualización das instalacións e a substitución dos acabados.

O proxecto inclúe tamén a construción dunha sala de caldeiras e a instalación dun novo sistema de enerxía solar térmica para a produción de auga quente sanitaria. Estas actuacións, xunto coa renovación dos elementos de carpintería, contribuirán a mellorar a eficiencia enerxética das instalacións.

No exterior, os traballos centraranse na creación dunha rampla que conectará a rúa de acceso coa entrada principal do edificio, facilitando así a accesibilidade ao inmoble.

Durante a presentación, Efrén Castro enmarcou esta actuación dentro do compromiso da Deputación por seguir investindo nas instalacións deportivas provinciais. O vicepresidente destacou que se trata dunha obra moi demandada polos piragüistas e polos clubs de Lugo, xa que permitirá incrementar a funcionalidade da Escola Provincial de Piragüismo mediante a ampliación e modernización dos vestiarios, ademais de incorporar melloras na eficiencia enerxética do edificio.

Castro explicou tamén que o proxecto está condicionado pola imposibilidade de aumentar a volumetría do inmoble, aínda que subliñou que suporá unha mellora moi significativa nunhas instalacións que superan os 30 anos de antigüidade. Así mesmo, avanzou que a licitación do contrato está prevista para a sesión da Xunta de Goberno do 17 de xullo.

A reforma contempla igualmente a habilitación de novas portas de saída desde o hangar, deixando preparadas as instalacións para a futura construción dun pantalán accesible que facilite o acceso ao río ás persoas piragüistas con mobilidade reducida.

Neste sentido, Efrén Castro agradeceu o traballo desenvolvido durante os últimos meses polo persoal técnico do Servizo de Medio Ambiente da Deputación e da Confederación Hidrográfica para atopar unha solución que permita avanzar cara a unha práctica máis inclusiva do piragüismo.

A actuación sobre a plataforma de acceso ao río e a construción do pantalán desenvolveranse nunha segunda fase, unha vez finalice a redacción dun proxecto específico para este ámbito, elaborado de acordo coas indicacións emitidas pola Confederación Hidrográfica.

0.12828397750854