A Deputación investirá case 150.000 euros na mellora de dúas estradas provinciais en Monterroso

A rede viaria provincial de Monterroso contará con novas actuacións de conservación para mellorar o estado do firme e reforzar a seguridade da circulación. A Deputación de Lugo destinará case 150.000 euros a intervir en dous treitos que conectan o municipio coa estrada N-547 e as parroquias de Leborei e Tarrío.
Unha das intervencións afectará a case catro quilómetros da LU-P-3301, a estrada que comunica Monterroso coa N-547 á altura do Marco. Ademais, os traballos abranguerán a totalidade da LU-P-3306, que une as parroquias de Leborei e Tarrío.
As obras incluirán a reapertura de cunetas para mellorar a evacuación da auga, a pavimentación dos treitos afectados e a renovación da sinalización e dos elementos de balizamento. Estas actuacións permitirán mellorar as condicións de circulación e a conservación das dúas vías provinciais.