A Deputación inviste 68.000 euros na mellora de vías en Rábade

LugoXa | TerraChaXa
Sacou tamén adiante a tramitación de catro procedementos para a concesión demanial da explotación de bens públicos
Pilar-García-Porto-alcaldesa-Antas-de-Ulla
13 Jun 2026

No Concello de Rábade, a Deputación inviste 68.000 euros para a mellora do tramo urbano da LU-P-5101, que conecta este municipio con Friol. Así o informou este venres a deputada Pilar García Porto ao finalizar a Xunta de Goberno Local.

Concretamente, o proxecto afecta aos primeiros 300 metros, desde o entronque coa N-VI ao longo de toda a rúa que dá servizo ao Cuartel da Garda Civil da localidade.

As obras neste caso consistirán no fresado da vía, pavimentación con aglomerado en quente e colocación dunha rigola xunto ás beirarrúas para mellorar a drenaxe e a evacuación das augas pluviais. Este proxecto terá tamén un prazo para executarse de catro meses.

Explotación de diferentes inmobles da Deputación

Esta Xunta de Goberno sacou tamén adiante a tramitación de catro procedementos para a concesión demanial da explotación de diferentes bens públicos que son titularidade da Deputación de Lugo: o Náutico de Ponte do Sil, o Mazo de Santa Comba, o Naútico de Portomarín, e a área recreativa dos Robles.

“Falamos de instalacións situadas en enclaves estratéxicos que poden actuar como motores de actividade económica, turística e de creación de emprego nos seus respectivos territorios”, valorou a responsable provincial. “Procesos de concorrencia pública cos que non buscamos unha rendibilidade económica senón social e turística. O funcionamento dos catro inmobles enriquece a oferta turística da provincia, o que terá un impacto positivo na economía e no emprego”, engadiu.

Detallou que a concesión destes espazos será por cinco anos, con posibilidade de tres prórrogas, ata un máximo de 10 anos. Os prezos mensuais que deberán abonar os adxudicatarios son: 339 euros no caso do Náutico de Portomarín, 644,6 euros para a área recreativa Os Robles, 468,8 euros para o Mazo de Santa Comba, e 527,4 para o Náutico de Ponte do Sil.

0.1245710849762