A Deputación inviste en estradas de Castro de Rei e Guitiriz, co que también firmou un convenio de colaboración

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un conxunto de actuacións que mobilizan preto de 1,3 millóns de euros destinados á mellora de infraestruturas viarias, servizos públicos e equipamentos municipais en diferentes concellos da provincia. Así o informou a voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión semanal que tivo lugar pola mañá no Pazo de San Marcos.
“Seguimos avanzando cun compromiso firme na mellora da mobilidade na provincia e na cooperación cos concellos, especialmente reforzando os investimentos nas zonas rurais, co fin de ofrecer os mesmos servizos e oportunidades que en calquera outro punto da provincia”, dixo a deputada.
En canto a mobilidade, a Deputación destinará arredor de case 700.000 euros á mellora de tres estradas provinciais nos concellos de Guitiriz, Castro de Rei e Viveiro.
No caso de Guitiriz quedou licitada unha actuación para renovar un tramo de máis de catro quilómetros da LU-P-2207, do quilómetro 7 ao 11, que comunica as parroquias de Coea e Buriz, cun investimento de arredor de 251.000 euros e un prazo de execución de tres meses.
“Trátase dunha vía estratéxica para a mobilidade rural do norte no concello de Guitiriz, moi empregada pola veciñanza para acceder a servizos básicos, conectando estas parroquias coa estrada autonómica LU-170”, explicou García Porto. A actuación contempla a reapertura de cunetas, e a pavimentación con aglomerado en quente e ten un orzamento de 251.000€.
No concello de Castro de Rei, tamén se licitaron uns traballos para mellorar preto de catro quilómetros da LU-P-1112, que comunica Muimenta e Pacios, “polo que actúa como un eixo vertebrador das conexións entre distintos núcleos”. O proxecto, cun orzamento de case 300.000€ e un prazo de execución de catro meses, inclúe a limpeza de cunetas para mellorar a evacuación das augas, o acondicionamento do firme con aglomerado en quente e o pintado da sinalización horizontal.
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou tamén novos convenios de colaboración cos concellos de Guitiriz e Ribas de Sil, cun investimento conxunto superior aos 400.000 euros destinado á mellora de espazos públicos, infraestruturas e servizos municipais.
No caso de Guitiriz, o acordo ascende a case 252.000 euros e inclúe tres actuacións principais: a renovación e ampliación do parque infantil da Praza do Campo da Feira en Lagostelle, a mellora do acceso ao núcleo de Saa e a renovación da sinalización viaria no centro urbano, ademais de actuacións complementarias na rede de saneamento e abastecemento.
“En resumo, son un conxunto de actuacións que supoñen un importante impulso para o desenvolvemento social e económica, combinando melloras en infraestruturas básicas, eficiencia enerxética, servizos sociais e dinamización cultural”, valorou a voceira Socialista do Goberno.