A Deputación inviste máis de 221.800 euros na mellora da LU-P-1201 en Castroverde

LugoXa
A institución provincial tamén adxudica a compra dun novo camión 4x4 para reforzar os traballos de conservación e mantemento da rede viaria
LU-P-1201-asfalto-en-Castroverde
3 Jul 2026

A Deputación de Lugo aprobou a adxudicación das obras de mellora do firme da estrada provincial LU-P-1201, ao seu paso polo municipio de Castroverde. Os traballos serán executados pola empresa CHOLO, SL por un importe superior aos 221.800 euros e permitirán actuar nun tramo de máis de 2,8 quilómetros entre Souto de Torres e Sobrado.

A intervención contempla a renovación do pavimento existente, así como actuacións destinadas á mellora da drenaxe da vía. O prazo previsto para a execución destes traballos é de catro meses.

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén deu luz verde á adquisición dun novo camión 4x4 con caixa basculante para terra que estará destinado ao Parque Móbil da Deputación. O contrato foi adxudicado á empresa Infonorte Tecnología, SL por un importe próximo aos 190.700 euros.

Segundo o previsto, o vehículo deberá ser entregado nun prazo de 25 días naturais e permitirá ampliar os recursos materiais cos que a institución provincial leva a cabo os labores de conservación e mantemento da rede de estradas.

A deputada responsable, Pilar García Porto, subliñou que estes acordos "reforzan o compromiso da Deputación cos concellos e coa prestación de servizos públicos de calidade, ao tempo que contribúen a dinamizar a economía, apoiar o comercio de proximidade e continuar mellorando as comunicacións en toda a provincia".

0.1220691204071