A Deputación licita a redacción do proxecto para construír unha nova ponte sobre o río Navia

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a licitación da redacción do proxecto para a construción dunha nova ponte sobre o río Navia, nun tramo da estrada provincial LU-P-3501, ao seu paso polo concello de Navia de Suarna. A iniciativa supón un novo avance para restablecer unha comunicación que permanece cortada desde o pasado mes de xaneiro.
Segundo explicou a deputada responsable da área, esta actuación representa un paso decisivo para recuperar esta conexión viaria, despois de que as intensas precipitacións rexistradas a comezos de ano provocasen o derrubamento da ponte existente, deixando sen tráfico este acceso.
A redacción do proxecto contará cun investimento de 97.150,62 euros e disporá dun prazo de execución de oito meses. Durante ese período elaboraranse todos os estudos técnicos necesarios para definir a nova infraestrutura e garantir a súa viabilidade.
O proxecto deberá incorporar análises estruturais, hidráulicas, xeotécnicas e ambientais, co obxectivo de deseñar unha ponte que cumpra cos criterios de seguridade e responda ás características do emprazamento, permitindo restablecer a circulación con todas as garantías.