A Deputación licita por case 440.000 euros o acondicionamento de dúas vías entre O Corgo e Lugo

LugoXa
A Xunta de Goberno tamén aproba máis de 40.000 euros para ampliar os terreos do polígono da Fonsagrada e adxudica o patrocinio do Caudal Fest por 80.000 euros
gomean-corgo-estrada
11 Sep 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a licitación por case 440.000 euros do acondicionamento de dúas vías situadas entre O Corgo e Lugo, así como un convenio de algo máis de 40.000 euros co Concello da Fonsagrada para avanzar na ampliación dos terreos vinculados ao seu polígono industrial.

Unha das actuacións previstas corresponde á vía LU-P-2918, que une Lugo coa parroquia de Adai, onde se acondicionará un tramo de case seis quilómetros. A segunda intervención desenvolverase na LU-P-2922, que comunica Carballido con Nadela, cunha actuación prevista nun tramo de dous quilómetros. O prazo de execución dos dous proxectos será de catro meses desde o inicio das obras.

PARQUE EMPRESARIAL DA FONSAGRADA

No caso da Fonsagrada, a Xunta de Goberno aprobou un convenio co Concello por algo máis de 40.000 euros que permitirá adquirir uns terreos situados ao carón do parque empresarial para incorporalos á actuación e completar esta infraestrutura.

A voceira socialista da Deputación, García Porto, lembrou o compromiso da institución provincial con este proxecto. "A Deputación leva tempo comprometida con este proxecto. A finais do ano pasado adxudicamos as obras por un importe de 2,5 millóns de euros e ademais, financiamos con 36.000 euros a redacción do proxecto e achegamos 600.000 euros para a súa realización", sinalou.

As obras de construción do polígono xa están en marcha, cunha infraestrutura que, segundo a Deputación, responde a unha demanda histórica da veciñanza e do tecido empresarial da comarca. O obxectivo é facilitar o crecemento das empresas locais e favorecer a instalación de novas iniciativas empresariais.

PATROCINIO AO CAUDAL FEST

Por outra banda, a Xunta de Goberno adxudicou o contrato de patrocinio do Caudal Fest 2026 por 80.000 euros, unha contía que supón un incremento do 60 % respecto do destinado pola institución provincial en edicións anteriores.

A Deputación xustifica este apoio polo retorno económico que o festival xera para a cidade. Segundo os datos facilitados pola promotora, a edición de 2025 reuniu máis de 40.000 persoas e alcanzou un impacto económico estimado de 15 millóns de euros, ademais de xerar máis de 1.000 postos de traballo directos e outros 1.000 indirectos, especialmente nos sectores da hostalería, o comercio e o transporte.

"O apoio a este festival, que se celebrará a vindeira fin de semana, responde ao importante retorno que xera para a cidade", concluíu García Porto.

0.16710209846497