A Deputación mellora o estado da estrada LU-P-0403 ao seu paso por Baleira

Os traballos de limpeza e acondicionamento das cunetas da estrada provincial LU-P-0403 xa están rematados, unha actuación que, segundo o PSdeG de Baleira, permitirá mellorar a conservación da vía e reforzar as condicións de seguridade para as persoas usuarias.
A intervención foi executada nos últimos días pola maquinaria da Deputación de Lugo despois de que o portavoz municipal e secretario xeral dos socialistas de Baleira, José Tellado, trasladase á Presidencia da institución provincial as peticións formuladas pola veciñanza. Desde a formación consideran que esta actuación responde a unha necesidade prioritaria para garantir un adecuado mantemento da infraestrutura.
Tellado puxo en valor a importancia de manter unha comunicación fluída entre os representantes municipais e a Deputación para dar resposta ás demandas que xorden nos distintos núcleos do concello. Ao seu xuízo, a colaboración entre administracións resulta fundamental para converter as necesidades detectadas sobre o terreo en actuacións concretas que repercutan na mellora dos servizos públicos.
O portavoz socialista sinalou que o labor da formación pasa por recoller as inquietudes da cidadanía, canalizalas ante as administracións competentes e realizar un seguimento continuo ata comprobar que as actuacións se materializan.
Neste sentido, o PSdeG de Baleira avanzou que manterá aberta esta vía de interlocución coa Deputación de Lugo para impulsar novas actuacións na rede viaria provincial. O obxectivo, segundo explicou Tellado, é continuar mellorando as comunicacións entre as distintas parroquias do municipio e garantir un correcto estado de conservación das estradas dependentes da institución provincial, atendendo de maneira progresiva as necesidades que vaian trasladando os veciños.