A Deputación organiza un coloquio cos finalistas dos videoclips nominados aos XXIV Premios Mestre Mateo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza unha proxección coloquio cos artistas e cos equipos de realización e produción dos videoclips finalistas aos XXIV Premios Mestre Mateo o xoves 12 de marzo ás 20:15 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos de Lugo.
A entrada ao acto será gratuíta e de acceso libre ata completar a capacidade do Salón de Actos do Pazo de San Marcos.
A actividade permitirá ao público coñecer de preto o proceso de produción e creación de diferentes videoclips galegos que optan aos galardóns do audiovisual.
O coloquio estará conducido e moderado por Laura Lamontagne, que tamén ofrecerá unha actuación musical durante o desenvolvemento do evento.
Durante o encontro participarán Fran Fórneas e Sergio Marey, responsable do deseño de vestiario do videoclip “Ferido” de O Xoán; Sara Faro e María Pérez, integrantes de Fillas de Cassandra, nomeadas polo videoclip “Hibernarse”; a cantante Sabela Ramil xunto á directora Paula Pereira, responsable do videoclip “Non cho podo dar”; e Nuno García Pico e Xaime Miranda, director do videoclip “Ontes fun moi malo” de Grande Amore.
Esta iniciativa amplía a programación que a Academia Galega do Audiovisual e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo veñen impulsando nas últimas semanas con motivo da celebración na cidade dos XXIV Premios Mestre Mateo, que se entregarán por primeira vez en Lugo o vindeiro 21 de marzo.
A deputada de Cultura, Iria Castro, explicou que o apoio á celebración destes premios na cidade supón unha oportunidade para dar visibilidade ao traballo dos profesionais das comarcas lucenses no ámbito audiovisual e proxectalos como referentes próximos para aquelas persoas que se están formando ou iniciando neste sector.
Castro destacou ademais que a maior parte dos videoclips finalistas nesta edición están claramente vinculados ás comarcas de Lugo, tanto polos artistas e equipos audiovisuais como polas localizacións escollidas, polo que amosan o potencial creativo existente no territorio e lanzan unha mensaxe sobre a importancia de apoiar a creación cultural que se desenvolve fóra dos circuítos máis convencionais.