A Deputación renova o apoio ao servizo de asistencia xurídica para persoas internas nos cárceres de Bonxe e Monterroso

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, visitou a sede do Colexio da Avogacía de Lugo para coñecer o funcionamento do Servizo de Orientación e Asistencia Xurídica Penal (SOAJP), un programa dirixido a atender as necesidades xurídicas das persoas internas nos centros penais de Bonxe e Monterroso.
Durante o encontro, o deputado entregou ao decano da entidade colexial, Xosé Manuel Fernández Varela, o novo convenio de colaboración que permitirá manter este servizo ao longo da presente anualidade. A Deputación de Lugo destina 12.000 euros á iniciativa, unha contía que supón máis do 80 % do seu orzamento total, que se achega aos 14.500 euros.
A achega provincial permitirá sufragar os gastos derivados da formación específica dos profesionais que participan no programa, os desprazamentos aos centros penais e a compensación económica pola prestación do servizo de asesoramento xurídico.
Miguel Fernández destacou que esta colaboración institucional contribúe a garantir o acceso á xustiza das persoas privadas de liberdade, ofrecéndolles orientación e apoio en cuestións relacionadas cos seus dereitos, coa súa situación penitenciaria e cos distintos procedementos nos que estean implicadas.
O Servizo de Orientación e Asistencia Xurídica Penal está integrado por avogados e avogadas que reciben formación específica organizada polo Colexio da Avogacía de Lugo antes de incorporarse ás quendas de atención. O servizo presta asistencia semanal mediante consultas presenciais nun dos centros penais e atención telemática no outro sempre que as circunstancias o permiten.
Entre as funcións dos profesionais inclúense o asesoramento sobre os dereitos das persoas internas, a orientación ante posibles sancións ou restricións de dereitos, o apoio na tramitación do dereito á asistencia xurídica gratuíta e a coordinación cos letrados particulares ou de oficio encargados da súa defensa.
O Colexio da Avogacía de Lugo é o responsable da organización e coordinación do servizo, así como da formación dos profesionais participantes e da interlocución cos centros penais para canalizar as consultas e solicitudes de asesoramento.