A Deputación renovará o xardín e o claustro do Museo Provincial de Lugo cun investimento de 163.500 euros

LugoXa
A actuación mellorará as zonas verdes, a iluminación e a exposición das pezas escultóricas, ao tempo que se aproban as bases para seleccionar os obradoiros do Artesanfroilán e do Mercado de Nadal
xardíns-Deputación-de-Lugo
18 Jul 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo acometerá unha renovación integral do xardín e da zona central do claustro do Museo Provincial de Lugo co obxectivo de poñer en valor tanto o patrimonio artístico como os espazos naturais do recinto e reforzar o seu uso como lugar de exposición e lecer. A Xunta de Goberno provincial deu luz verde este venres aos pregos de contratación da actuación, que contará cun orzamento inicial de 163.500 euros.

No exterior do museo, os traballos incluirán un novo deseño das áreas axardinadas, a substitución da iluminación existente e unha reorganización das esculturas instaladas no xardín. Ademais, colocaranse paneis informativos e sinalización específica para facilitar a interpretación das obras e dos elementos patrimoniais presentes neste espazo situado xunto á rúa Nova.

A intervención estenderase tamén á zona central do claustro, onde se renovará o céspede, se repararán os pavimentos empedrados e se actuará sobre o muro exterior do pozo. O contrato contempla igualmente o mantemento destas zonas durante un período de dous anos tras a finalización das obras.

A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou que este proxecto supón "unha renovación integral destes espazos abertos do Museo", unha actuación que permitirá realzar tanto o valor arquitectónico do edificio como o interese das súas coleccións, ademais de consolidar o museo como un espazo cultural e de encontro para a cidadanía.

Castro lembrou que esta actuación forma parte do plan de mellora continua impulsado pola Vicepresidencia da Deputación no Museo Provincial de Lugo, no marco do cal xa se executaron outras intervencións como a renovación da museografía das pandas e da sala capitular do claustro, a actualización da sección de Numismática e Medallística para exhibir de forma permanente o sestercio da caetra ou a rehabilitación da cuberta da antiga cociña.

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno aprobou tamén as bases que rexerán a selección dos obradoiros artesáns que participarán no Artesanfroilán, previsto entre o 2 e o 12 de outubro, e no Mercado de Nadal, que se desenvolverá do 18 de decembro ao 5 de xaneiro.

Con esta decisión, a Vicepresidencia continúa coa organización dos dous mercados de artesanía que promove anualmente na cidade de Lugo, ofrecendo aos profesionais do sector da provincia un escaparate para comercializar os seus produtos en dúas das épocas con maior afluencia de visitantes.

As bases da convocatoria, que incluirán os criterios de valoración para a selección dos participantes, publicaranse a próxima semana no Boletín Oficial da Provincia. A partir dese momento abrirase o prazo de inscrición, ao que só poderán concorrer os obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía.

0.12313890457153