A DGT estima 472.000 desprazamentos polas estradas galegas durante a ponte do Pilar

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
O dispositivo especial estenderase durante catro días, con reforzo de medios humanos e técnicos para garantir a seguridade e fluidez da circulación
trafico-coches-recurso-1
Imaxe de arquivo ilustrativa
9 Oct 2026

A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) activou desde as 15.00 horas de hoxe, venres 9 de outubro, un dispositivo especial con motivo da ponte da festividade do Pilar, que se manterá en vigor ata a medianoite do luns 12 de outubro. Durante estas catro xornadas, o organismo calcula que se producirán 472.000 desprazamentos nas estradas galegas, o que equivale a unha media de 118.000 vehículos por día.

Segundo o reparto por provincias, a DGT espera o movemento de 172.000 vehículos na provincia da Coruña, 165.000 en Pontevedra, 75.000 en Ourense e 60.000 en Lugo. A nivel estatal, a previsión elévase a 5.760.000 desprazamentos de longo percorrido, orientados principalmente cara a zonas de costa e montaña, segundas residencias e localidades que celebran as súas festas patronais nestas datas.

Para asegurar a fluidez e a seguridade durante estes días de alta densidade de tráfico, a DGT despregará a máxima dispoñibilidade dos seus efectivos: axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, persoal da Unidade de Medios Aéreos, traballadores dos centros de xestión de tráfico e equipos encargados do mantemento e instalación de medidas na vía, ademais dos servizos de emerxencia. O dispositivo contará con radares fixos e móbiles, helicópteros, drons e cámaras destinadas a controlar o uso do móbil e do cinto de seguridade ao volante.

Este despregamento permitirá pór en marcha diversas actuacións de regulación, ordenación e vixilancia orientadas a xestionar o intenso tráfico previsto. Entre as medidas contempladas figura a habilitación de carrís adicionais e reversibles en sentido contrario ao habitual, cando as condicións de seguridade o permitan, así como outras fórmulas de ordenación nos puntos e tramos de maior intensidade circulatoria. Tamén se deseñaron itinerarios alternativos para as vías máis saturadas.

Durante o período especial paralizaranse as obras que poidan interferir na circulación, limitaranse as probas deportivas en estrada e aplicaranse restricións a determinados vehículos, entre eles camións, transportes especiais e os que transporten mercadorías perigosas.

Xornadas de maior intensidade

As previsións da DGT apuntan a que a tarde do venres concentrará boa parte das saídas. A circulación irá en aumento desde primeiras horas nas vías que conectan cos grandes núcleos urbanos e nos principais accesos a zonas de costa, montaña e segunda residencia, co momento de maior intensidade entre as 16.00 e as 22.00 horas.

O sábado 10 mantranse o tráfico elevado desde cedo nas saídas das cidades e nos accesos a zonas costeiras e de montaña, co pico previsto entre as 09.00 e as 13.00 horas. O domingo, pola contra, predominarán os traxectos curtos cara a zonas de lecer, con retencións de menor intensidade que no resto de xornadas.

O luns, festivo de ámbito nacional, arrincará a operación retorno desde primeira hora da tarde. As retencións afectarán inicialmente aos principais eixos viarios e despois trasladaranse aos accesos das grandes cidades, concentrándose as maiores complicacións entre as 16.00 e as 23.00 horas.

A DGT recomenda planificar os desprazamentos con antelación e evitar, na medida do posible, as franxas horarias de maior afluencia. O organismo lembra ademais que no outono poden xurdir de forma repentina fenómenos meteorolóxicos adversos e que as horas de luz se reducen, polo que aconsella consultar a previsión meteorolóxica da Axencia Estatal de Meteoroloxía, revisar o estado do vehículo antes de saír á estrada e extremar a precaución —sobre todo en caso de choiva ou néboa—, moderando a velocidade e aumentando a distancia de seguridade.

0.15575194358826