A edición 2025 do Lugo Máxico contará con 28 actividades para todas as idades

LugoXa
O evento foi presentado por Rubén Arroxo e Maite Ferreiro, acompañados polo mago Antón e os magos Marcos Waldemar e Nacho Samena
presentación-Lugo-Máxico-2025
8 May 2025

Vén de ser presentada a edición 2025 do Lugo Máxico, unha cita que xa está totalmente consolidada no calendario cultural de Lugo e que, segundo os organizadores, axuda a estimular a imaxinación e a capacidade de concentración dos e das máis cativas.

O evento foi presentado por Rubén Arroxo e Maite Ferreiro, acompañados polo mago Antón e os magos Marcos Waldemar e Nacho Samena.

Esta nova edición ofrecerá un total de 28 actividades que se desenvolverán entre o 19 e o 24 de maio, incluíndo galas, actividades nos centros de ensino e a tradicional sesión de maxia no HULA, prevista para o venres 23 ás 13:00 horas, coa participación dos magos David Méndez, Marcos Waldemar, David Navares e Nacho Samena.

Ferreiro destacou que 'durante catro días chegarán a Lugo unha serie de magos de gran calidade e recoñecemento, tanto galegos como do resto do estado e do mundo'.

A programación arrincará o 19 de maio ás 20:30 horas no Vello Cárcere cunha conferencia divulgativa a cargo de Xosé Díaz e Belén Fernández, titulada 'O Misterioso Dr. Saa: A historia do Conde de Waldemar, Ilusionista, Prestidixitador e Telépata'.

O mesmo espazo acollerá a exposición 'O conde de Waldemar', con visitas guiadas os días 20, 21 e 22: ás 11:00 horas e 12:30 horas para escolares, e ás 17:30 horas e 19:00 horas para adultos.

Tamén haberá catro actividades de maxia na rúa protagonizadas polo mago David Navares e o seu espectáculo 'A Maxia dun Trotamundos', que poderá verse na praza da Milagrosa o 19 de maio ás 19:00 horas; o 20 de maio ás 19:00 horas en Augas Férreas; o 21 de maio ás 13:00 horas na praza Maior e ás 19:00 horas na praza do Castiñeiro; e o 22 de maio ás 19:00 horas na Mosqueira.

O Lugo Máxico 2025 contará con dúas grandes galas no auditorio Fuxan os Ventos. O 23 de maio, ás 20:30 horas, o Mag Edgard presentará o seu espectáculo 'Mutis e a Maxia'. O sábado 24 celebrarase a Gala Lugo Máxico, tamén ás 20:30 horas, coa participación dos magos Cayetano Lledo, Charlie Mag, Kiko Pastur, Celia Muñoz, Miguel Muñoz, Nacho Samena e Marcos Waldemar.

Todas as actividades do Lugo Máxico serán gratuítas e de acceso libre ata completar a cabida dos espazos, agás as galas, cuxas entradas estarán dispoñibles no portal entradaslugo.es.

PROGRAMACIÓN COMPLETA DE LUGO MÁXICO 2025

⚙ Configurar cookies
0.112468957901