A Escola Municipal de Música de Lugo reabrirá as súas portas no curso 2026-2027

LugoXa
O centro recuperará a actividade tras dous cursos sen funcionamento e abrirá o prazo de matrícula do 1 ao 15 de setembro
reunion-escola-de-musica-de-lugo
3 Jul 2026

A Escola Municipal de Música de Lugo volverá poñerse en marcha durante o curso 2026-2027, recuperando a súa actividade despois de permanecer sen servizo nos dous últimos cursos académicos.

Segundo avanzou o Concello de Lugo, o prazo ordinario de matrícula abrirase entre o 1 e o 15 de setembro, mentres que as clases comezarán oficialmente o vindeiro 13 de outubro. Deste xeito, a cidade recuperará un servizo educativo e cultural que chegou a contar con máis de 300 persoas matriculadas.

As listaxes provisionais de persoas admitidas faranse públicas entre o 21 e o 24 de setembro, mentres que as definitivas se darán a coñecer entre o 28 de setembro e o 1 de outubro.

Ademais, a partir do 13 de outubro abrirase un período extraordinario de matrícula para aquelas materias nas que continúen existindo prazas dispoñibles.

A reapertura da Escola tamén permitirá recuperar a actividade vinculada á Banda Municipal ao longo do curso con distintas iniciativas culturais e musicais. Entre as propostas previstas atópanse a celebración dun concerto con motivo de Santa Icía, patroa da música, un concerto de Nadal e a recuperación dos concertos didácticos.

Por outra banda, o Concello iniciou tamén o proceso de renovación da Xunta Directiva da Escola Municipal de Música. Tras a publicación das normas correspondentes nos taboleiros oficiais, abrirase un prazo de catro días hábiles para a presentación de candidaturas no Rexistro Xeral municipal. Posteriormente publicarase unha listaxe provisional, habilitándose un período para alegacións antes da proclamación definitiva.

0.13335514068604