A exposición 'No interior do abandono' percorre as aldeas galegas afectadas polo despoboamento

GaliciaXa | LugoXa
A mostra, que combina fotografías de Carlos Lorenzo e poemas de Baldo Ramos, inaugúrase este xoves na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo e poderá visitarse ata o 29 de decembro
exposición 'No interior do abandono' Lugo
12 Nov 2026

A Rede Museística Provincial de Lugo, dependente da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, inaugura este xoves 12 de novembro, ás 19:00 horas, a exposición temporal 'No interior do abandono', na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 29 de decembro de 2026 e propón unha viaxe visual e poética polas aldeas do rural galego afectadas polo despoboamento e a desmemoria.

O proxecto interdisciplinar reúne o traballo do fotógrafo Carlos Lorenzo e os versos do poeta e artista plástico Baldo Ramos, que establecen un diálogo entre pasado e presente arredor dos espazos que forman parte da identidade colectiva galega. Ambos os autores, cunha orixe común nas terras ourensás de Celanova, buscan ir máis alá da nostalxia para lanzar unha reflexión comprometida e esperanzada sobre a necesidade de preservar as raíces e a memoria do territorio.

Desde o punto de vista expositivo, a mostra está composta por un panel de presentación e quince conxuntos de fotografía e poema, impresos sobre panel Dibond. A iniciativa dá continuidade ao libro homónimo publicado en 2020 e constitúe a terceira colaboración artística entre Lorenzo e Ramos, que xa compartiran proxectos como 'A Ramallosa. Caligrafías de luz'.

Unha proposta didáctica para os centros de ensino

A exposición complétase cun recurso didáctico específico dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato, dispoñible en formato dixital para os centros educativos. O material inclúe textos de contextualización sobre o éxodo rural e actividades interactivas destinadas a que a mocidade reflexione sobre a súa relación co patrimonio cultural, etnográfico e natural.

Con esta iniciativa, a Rede Museística busca achegar ás novas xeracións a realidade do rural galego e promover o coñecemento e a conservación da memoria e da identidade do territorio.

0.15096116065979