A expropiación do antigo colexio do Sagrado Corazón queda lista para desbloquear o novo centro de saúde

LugoXa
O Concello de Lugo abonará 726.710,87 euros pola adquisición dos terreos e prevé formalizar as actas de pagamento e ocupación o 10 de setembro
xunta-de-goberno-local-Lugo
31 Aug 2026

A Xunta de Goberno Local aprobou completar o procedemento de expropiación dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón, unha actuación que permitirá ao Concello poñer posteriormente estes espazos á disposición da Consellería de Sanidade para avanzar na construción do novo centro de saúde que reclama o barrio.

O acordo contempla un pagamento de 726.710,87 euros á Fundación Galicia Obra Social. A formalización das actas de pagamento e ocupación está prevista para o 10 de setembro. Unha vez finalizado este trámite, os terreos pasarán a estar dispoñibles para que a Administración autonómica poida continuar coa planificación do futuro equipamento sanitario.

Máis actividade nos centros de convivencia

A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde á adxudicación a Os Ventos Innovación en Servizos, S.L. do novo servizo integral de animación sociocultural dos centros de convivencia. O contrato supón un compromiso de gasto de 542.692,79 euros, terá unha duración inicial dun ano e poderá prorrogarse ata un máximo de cinco anos.

O novo modelo concentra nun único contrato as prestacións que ata agora se desenvolvían mediante dous servizos diferenciados. Ademais, permitirá incrementar de maneira notable as horas de actividade, que pasarán das 18.382 anuais actuais a 28.668. Isto supón incorporar 10.286 horas máis ao ano, cun aumento do 56 %.

O contrato tamén amplía a rede de equipamentos atendidos e inclúe 1.350 horas anuais adicionais sen custo para o Concello. A estas melloras súmanse cinco saídas culturais gratuítas máis cada ano e unha partida de 10.000 euros destinada á organización de eventos e actuacións.

Máis colaboración coa Formación Profesional

Outro dos acordos adoptados busca reforzar a colaboración municipal coa Formación Profesional. A Xunta de Goberno Local aprobou dous convenios coa Consellería de Educación destinados a facilitar a formación práctica do alumnado.

No caso do IES Sanxillao, o acordo permitirá desenvolver actividades formativas vinculadas á Hostalaría na Praza de Abastos e no Mercado Municipal. A iniciativa busca combinar a aprendizaxe práctica dos estudantes coa dinamización destes espazos comerciais e coa promoción do produto de proximidade.

Pola súa banda, o CIFP As Mercedes poderá empregar diferentes instalacións e equipamentos do Parque de Bombeiros para a formación dos ciclos de Emerxencias e Protección Civil. Entre os espazos incluídos figuran aulas, zonas de prácticas, cocheiras e a torre de prácticas, así como determinados equipamentos. O uso realizarase sempre de maneira coordinada e sen interferir no funcionamento operativo do servizo de emerxencias.

Actuación para eliminar un tapón urbanístico en Montero Ríos

A Xunta de Goberno Local tamén abordou a adquisición do inmoble situado no número 2 da rúa Montero Ríos, por un importe de 27.391,42 euros. A incorporación deste edificio ao patrimonio municipal permitirá actuar sobre o tapón urbanístico existente na entrada do Camiño Primitivo ao casco histórico.

Segundo o acordo, a adquisición facilitará completar a renovación integral do Carril das Flores e dar continuidade ás actuacións xa executadas nesta zona, contribuíndo á mellora dun dos accesos ao casco histórico.

Tres prazas de celador/a de CEIP

Finalmente, o órgano municipal aprobou a designación do tribunal cualificador encargado do proceso para cubrir tres prazas de celador/a de CEIP, correspondentes á Oferta de Emprego Público do ano 2023.

0.15464687347412