A Fábrica da Luz abre unha exposición permanente e inicia a súa nova etapa como centro de enogastronomía

A Fábrica da Luz de Lugo iniciou este sábado unha nova etapa coa presentación do proxecto 'A gastronomía que non debemos perder', unha iniciativa integrada no Plan de Sustentabilidade Turística 'Et edendo, Lucus' que permitirá dotar este histórico edificio de novos usos vinculados á cultura, o turismo e a promoción da gastronomía local.
O inmoble incorpora un espazo expositivo permanente dedicado á súa historia e á memoria industrial da cidade. A mostra percorre a evolución da antiga central hidroeléctrica, o seu papel na electrificación de Lugo e a conservación da súa maquinaria orixinal, ao tempo que pon en valor o seu interese arquitectónico e a súa relación co río Miño e coa identidade da cidade.
A presentación contou coa participación da alcaldesa de Lugo, Elena Candia, acompañada por membros do equipo de goberno, e tamén do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. O representante autonómico destacou que a actuación forma parte do desenvolvemento do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, financiado con fondos Next Generation, cun investimento de 2 millóns de euros para a rehabilitación do edificio e a creación do futuro Centro de Enogastronomía.
A programación da xornada completouse cunha visita guiada pola contorna da Fábrica da Luz, na que se explicou a importancia histórica da central hidroeléctrica e o proceso de rehabilitación do inmoble, así como coa realización dun showcooking a cargo do chef Héctor López, do Restaurante España, baseado en produtos de proximidade. A actividade rematou cunha cata comentada dirixida polo enólogo Paco López, centrada na tradición vitivinícola galega.
Segundo os datos facilitados por Turismo de Galicia, esta actuación chega nun contexto de crecemento da actividade turística na cidade, que rexistrou un incremento do 22,6% no número de visitantes durante os cinco primeiros meses de 2026 respecto ao mesmo período do ano anterior.