A Facultade de Humanidades de Lugo aborda a organización de festivais nun curso sobre o auxe da música galega

LugoXa
Profesionais do sector analizarán este 9 de abril os aspectos culturais, económicos e sociais dos eventos musicais
Foliada-da-Fonsagrada-2025
6 Apr 2026

A Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC acolle este xoves 9 de abril unha nova edición do seu Curso de Primavera, centrado nesta ocasión na organización de festivais musicais e no papel que desempeñan dentro do actual contexto cultural galego. Baixo o título “Do macroevento ao microproxecto de base”, a xornada afondará nas múltiples dimensións dun fenómeno que experimentou nas últimas décadas un notable crecemento en creatividade e diversidade.

O encontro reunirá a xornalistas, docentes, representantes de festivais e profesionais da música que analizarán cuestións organizativas, económicas, políticas, lingüísticas e socioculturais vinculadas a estes eventos. A programación arrancará ás 9:30 horas cun relatorio sobre a organización de festivais a cargo de María Valcárcel Tabernero, profesora da USC e xestora cultural vinculada á Foliada da Fonsagrada.

Ás 10:15 horas abordarase o impacto dos festivais na contorna nunha intervención de Miguel A. Fernández Gil, investigador do programa de Doutoramento en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica, nunha mesa moderada por Raúl Ríos, vinculado a iniciativas como o Festival Rumboia Viva, Ou Yeah! ou Soa Suarna.

A mañá continuará ás 11:15 horas cunha intervención de Luzia Oca sobre Batuko Tabanka e o papel das prácticas culturais como ferramentas de interculturalidade. Posteriormente, ás 12:00 horas, celebrarase un foro sobre lingua, música e comunicación moderado por Miguel González, no que participarán creadores e divulgadores como Rodrigo Míguez, Viva Lugo, Noelia Mato ou o proxecto No Ceda Rock. A sesión incluirá tamén o encontro Lubicán co artista Kid Mount.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, terá lugar un foro centrado nas políticas culturais no que intervirán Montse Dopico, profesora e xornalista; Patricia Hermida, representante da Asociación Galega de Empresas Musicais; Tomi Légido, vinculado á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural; Manuel Alonso, de Músicas ao Vivo, e o promotor musical Ramón Barros.

Ás 16:45 horas desenvolverase unha conferencia en liña do xornalista Nando Cruz sobre as diferenzas entre macrofestivais e microfestivais. A xornada pecharase ás 17:45 horas cun foro específico sobre esta temática, coordinado por Javier H. Rodríguez, de El Salto, e moderado por Álex Losada, no que participarán representantes de eventos como o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e a súa Escola de Gaitas, o Festival Entre Pontes, o Festival de Jazz de Lugo, Teleclube ou Facela Fest.

0.11993312835693