A USC analiza a diversidade e impacto dos festivais galegos no seu Curso de Primavera

LugoXa
O curso combina relatorios, foros e casos prácticos para estudar as dimensións económica, social e cultural da música en directo
Foliada-da-Fonsagrada-2025
Actualizada el 7 abril 2026, 09:36 horas
6 Apr 2026

A Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago (USC) acollerá o xoves 9 de abril a súa edición anual do Curso de Primavera, centrado este ano nas múltiples dimensións dos festivais musicais: económica, política, organizativa, lingüística e sociocultural.

Organizado polo alumnado de 3º curso do Grao en Xestión Cultural en modalidade presencial, coa colaboración da profesora Montserrat Dopico, o curso forma parte da programación de Primavera Cultural e enmárcase no convenio Lugo Cultural, desenvolvido pola USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

Bajo o título 'Anatomía dos festivais galegos', a iniciativa busca reflexionar sobre a proliferación de festivais en Galicia e o seu impacto non só na axenda cultural, senón tamén na expansión da industria musical. Os organizadores destacan a importancia de contextualizar e analizar criticamente estas dinámicas, implicándose activamente nos vínculos sociais e institucionais cos festivais de distinto tamaño.

Xornalistas especializados, como Nando Cruz, autor de Macrofestivales: el agujero negro de la música (Península), abordarán, desde unha óptica interdisciplinar, as diferentes caras dos festivais, xunto con docentes da USC, representantes de eventos galegos e profesionais do sector musical. O curso tamén dialoga co tecido creativo local, composto por músicos emerxentes, asociacións culturais e festivais independentes, converténdose nunha plataforma que conecta intereses académicos, inquietudes artísticas e prácticas culturais compartidas.

PROGRAMA

O programa comezará ás 9:30 horas na sala de lectura da Facultade coa primeira mesa sobre organización de festivais, conducida pola profesora e xestora cultural María Valcárcel. A Foliada da Fonsagrada será o primeiro caso práctico presentado. Ás 10:15 horas, o investigador do programa de Doutoramento en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica da USC, Miguel A. Fernández Gil, analizará o impacto económico dos festivais, seguido dun foro moderado por Raúl Ríos, con participación dos festivais Rumboia Viva, Ou Yeah! e SoaSuarna.

A inauguración formal terá lugar ás 11:00 horas. Ás 11:15, a profesora Luzía Oca tratará o papel das prácticas culturais como ferramentas de interculturalidade, a partir do proxecto musical de mulleres caboverdianas Batuko Tabanka, en Burela. Ás 12:00 horas, Miguel González moderará un foro sobre dimensión lingüística e comunicativa, con participación do xornalista musical Rodri Míguez, o fotógrafo Marcos López e a socióloga Noelia Mato Varela, e presentación do caso Noceda Rock. Tamén se sumará Kid Mount, artista convidado no ciclo Lubicán.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, terá lugar un foro sobre políticas culturais e industria musical, moderado por Montserrat Dopico, coas intervencións de Patricia Hermida, Tomi Légido, Manuel Alonso e Ramón Barros. Ás 16:45, Nando Cruz realizará un relatorio en liña sobre macro e microfestivais. Ás 17:45, Javier H. Rodríguez, de El Salto, abordará os festivais desde a súa perspectiva galega, seguido dun foro moderado por Álex Losada con representantes do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, Escola de Gaitas de Ortigueira, Entrepontes, Festival de Jazz de Lugo, tele-clube e Facela Fest.

Como actividade complementaria, as persoas asistentes poderán acudir ao concerto Lubicán de Kid Mount + ünder & Diego Flâneur ás 20:15 horas na Praza de Santa María, ou no Auditorio da Facultade de Veterinaria en caso de mal tempo.

0.12797284126282