A Federación de Veciños de Lugo reclama arranxos urxentes nos accesos aos campos de fútbol das Gándaras

LugoXa
O colectivo denuncia o mal estado do firme, con numerosas fochancas e charcos, e pide ao Concello que acondicione os aparcadoiros para evitar riscos a deportistas e familias
fochancas aparcadoiro campo de fútbol as Gándaras
26 Nov 2026

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo "Lucus Augusti" reclama ao Concello unha intervención urxente nos accesos e nas zonas de estacionamento do Campo Municipal José María Rodríguez Lago, coñecido como os campos de fútbol das Gándaras, polo deterioro que presenta o firme.

A entidade dirixe a súa petición á alcaldesa, Elena Candia, e ao concelleiro responsable da área de Deportes, Damián Carballo, aos que solicita que ordenen os traballos necesarios para reparar os baches e fochancas e mellorar as condicións de circulación e estacionamento na contorna da instalación deportiva.

Segundo denuncia a federación, o pavimento está cheo de fochancas e grandes charcos que dificultan o tránsito tanto de vehículos como de peóns. A situación afecta especialmente ás familias, xogadores, técnicos e afeccionados que acoden ás instalacións, cunha elevada afluencia durante as fins de semana pola actividade do fútbol base, federado e local.

A organización asegura que nos últimos días recibiu numerosas queixas de usuarios e familiares polo estado deste espazo. Advirte de que as dificultades para aparcar están a provocar atascos e manobras perigosas, ademais do risco de danos nos vehículos e caídas de peóns.

Así, considera que o mantemento dunha instalación deportiva municipal debe incluír tamén os seus accesos e zonas de servizo, e defende que garantir unhas condicións adecuadas é fundamental para a seguridade viaria e para as familias que utilizan semanalmente os campos. Por iso, pide que as actuacións de bacheo e acondicionamento se realicen canto antes, antes de que as choivas desta época agraven o deterioro.

Cómpre lembrar que o anterior Goberno local puxo en setembro de 2025 a disposición dos usuarios o aparcadoiro dos campos de fútbol das Gándaras, unha vez rematadas as obras de mellora e acondicionamento, financiadas con fondos municipais por importe de 15.000 euros. A actuación culminou un proceso iniciado en xaneiro de 2024, cando a área de Deportes comezou as negociacións coa Subdelegación de Defensa para conseguir a cesión temporal dos terreos, de titularidade militar.

0.23551201820374