A Federación de Veciños Lucus Augusti reclama actuacións urxentes en Albeiros ante o deterioro da contorna de San Lorenzo

LugoXa
A entidade alerta do mal estado da rúa Luis Soto Camino e do espazo situado diante da igrexa, con fochancas, afundimentos, falta de iluminación, lixo e problemas de accesibilidade
calzada-San-Lorenzo-Albeiros-Lugo
15 Sep 2026

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo "Lucus Augusti" reclama ao Concello actuacións urxentes para mellorar o estado da rúa Luis Soto Camino e da contorna da igrexa de San Lorenzo, no barrio de Albeiros. A entidade asegura que recibiu novas queixas veciñais polos problemas que se manteñen na zona e considera que a situación non cumpre unhas condicións mínimas de seguridade e salubridade.

Un dos puntos que máis preocupa aos residentes é o espazo situado diante da igrexa, un lugar de paso habitual para veciños e familias debido á celebración de funerais, vodas, comuñóns, bautizos e misas. Segundo a federación, o pavimento presenta fochancas, roturas e afundimentos que xa terían provocado danos en vehículos e que tamén supoñen un risco para os peóns.

A situación empeora nos días de choiva, cando se forman grandes charcos e zonas esvaradías. A isto súmanse, segundo denuncian os veciños, a presenza de maleza, lixo, excrementos de cans, desniveis e cableado eléctrico á vista, elementos que contribúen á degradación da contorna.

Falta de iluminación na zona posterior da igrexa

As deficiencias tamén afectan á rúa Luis Soto Camino, unha das vías de entrada ao barrio de Albeiros. A federación sinala o deterioro do firme, a falta de beirarrúas seguras e as carencias no alumeado público.

Especial preocupación xera a zona posterior da igrexa, onde os veciños alertan de actos de vandalismo e consideran que a falta de iluminación converte este espazo nun punto especialmente inseguro durante a noite.

Ante esta situación, a Federación de Veciños solicita á Concellería de Vías e Obras unha inspección técnica urxente da rúa e da contorna de San Lorenzo, así como o pavimentado integral do espazo situado diante da igrexa.

Entre as medidas reclamadas tamén figuran a retirada de vehículos abandonados, unha limpeza en profundidade e un mantemento periódico das zonas anexas, a instalación de beirarrúas seguras e accesibles, a mellora do alumeado, especialmente na parte posterior da igrexa, e unha mellor ordenación do estacionamento.

A entidade pide ademais que se mellore a integración estética e funcional das obras existentes e reclama unha intervención municipal que permita solucionar unha situación que, segundo asegura, se mantén desde hai tempo.

0.14973092079163