A Federación Galega de Dano Cerebral organiza unha sesión de cinefórum en Lugo

LugoXa
As sesións están dirixidas a persoas de máis de 50 anos e, aínda que a asistencia é gratuíta, é preciso inscribirse previamente
Actividade-informativa_DanoCerebralGalicia
23 Out 2024

A Federación Galega de Dano Cerebral (Dano Cerebral Galicia) e Afundación colaboran na organización dunha serie de sesións de cinefórum durante o mes de outubro para incrementar o coñecemento sobre o dano cerebral adquirido, unha discapacidade provocada, fundamentalmente, por ictus e traumatismos cranioencefálicos, coa que conviven máis de 35.000 persoas no país.

A sesión de Viveiro celebrarase xoves ás 18.00 horas, no Espazo + 60 de Lugo. As sesións están dirixidas a persoas de máis de 50 anos e, aínda que a asistencia é gratuíta, é preciso inscribirse previamente dado que o aforo é limitado. As persoas socias dos Espazos +60 poden anotarse no seu local de referencia e as demais poden chamar ao teléfono 881 943 148 ou cubrir o formulario de inscrición online dispoñible na web.

Por terceiro ano consecutivo, as entidades volven sumar forzas para o desenvolvemento dunha programación de sensibilización dirixida a persoas maiores de 50 anos, optando nesta ocasión polo emprego do audiovisual como recurso para divulgar información sobre as causas e secuelas do ictus, así como para reflexionar sobre a representación da discapacidade, os estereotipos e os estigmas.

O obxectivo é abordar a importancia de adquirir hábitos de vida saudable e coñecer as pautas de actuación en caso de sufrir unha lesión cerebral, prestando especial atención aos signos e síntomas de alarma do ictus, primeira causa de discapacidade adquirida en España.

0.20267701148987