A Federación Lucus Augusti denuncia o deterioro do polígono das Gándaras e reclama unha actuación urxente

A Federación de Asociacións Veciñais de Lugo Lucus Augusti trasladou á Alcaldía e ás concellarías de Medio Ambiente e de Infraestruturas Urbanas do Concello de Lugo a necesidade de actuar de maneira urxente no polígono das Gándaras, ao considerar que presenta un estado de deterioro "xeneralizado e preocupante" pese a tratarse dun espazo de creación relativamente recente.
A entidade explica que nas últimas semanas recibiu numerosas queixas de usuarios e traballadores do polígono, que alertaban da falta de limpeza, conservación e mantemento das instalacións. Co obxectivo de comprobar esta situación, representantes da Federación desprazáronse ata a zona e aseguran ter constatado o seu estado de abandono.
Segundo indican, entre as deficiencias detectadas figuran bancos deteriorados con ferros ao descuberto que poderían provocar lesións, parcelas sen limpar con abundante maleza, equipamentos biosaludables oxidados e inutilizables, así como un parque infantil con elementos deteriorados e potencialmente perigosos para os menores.
Desde a Federación consideran que esta situación afecta directamente á seguridade e ao benestar tanto da veciñanza como das persoas que traballan diariamente no polígono, e sosteñen que non é compatible cun espazo público que debería ofrecer condicións adecuadas de uso e conservación.
A entidade lembra ademais que esta problemática súmase a outras incidencias detectadas na cidade, como o estado do mobiliario urbano no parque da rúa Ramón Aller Ulloa, onde, segundo denuncia, varios bancos están rotos, presentan inestabilidade ou teñen pezas desprendidas, o que supón un risco para persoas maiores, familias e menores.
Por todo iso, Lucus Augusti solicita ao Concello unha intervención inmediata que inclúa a reparación ou substitución dos bancos e demais elementos deteriorados, a limpeza das parcelas, a revisión integral do parque infantil e a recuperación do mobiliario biosaludable tanto no polígono das Gándaras como no parque da rúa Ramón Aller Ulloa. A Federación confía en que o Goberno local dea resposta a estas peticións para garantir a seguridade, o benestar e a calidade dos espazos públicos da cidade.