A Federación Lucus Augusti denuncia o estado de abandono da área recreativa municipal de Rebordaos, no Veral

A Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti denunciou o que considera un abandono da área recreativa municipal situada en Rebordaos, na parroquia do Veral, un espazo de titularidade do Concello de Lugo que, segundo asegura, continúa sen ser desbrozado nin limpo cando o verán xa está avanzado.
A entidade explica que este recinto, denominado Doutor Félix Arija Val en homenaxe ao que foi veciño da parroquia, foi acondicionado hai anos coa colaboración da veciñanza e das administracións. Na actualidade dispón de peche de pedra, árbores, mesas, grellas, papeleiras e xogos infantís, sendo un lugar utilizado habitualmente para comidas populares, reunións familiares e actividades de lecer.
Segundo sostén a federación, en campañas anteriores o Concello realizaba os traballos de mantemento ao remate da primavera para que o espazo estivese en condicións durante os meses de verán. Porén, afirma que este ano esas tarefas aínda non se executaron, polo que a vexetación alcanzou unha altura que impide utilizar os columpios, os tobogáns, as mesas ou os bancos.
A organización asegura que xa trasladou esta situación ao equipo de goberno municipal, ao que considera responsable da conservación das instalacións, e cuestiona se a falta de actuación responde ao descoñecemento das propiedades municipais no rural ou a unha deficiente xestión do seu mantemento.
Ademais das molestias que ocasiona aos usuarios, a Federación Lucus Augusti alerta de que a acumulación de herba seca incrementa o risco de incendio nunha zona na que existen varias vivendas situadas a escasa distancia da área recreativa.
Por este motivo, a entidade reclama ao Concello de Lugo que actúe coa maior rapidez posible para acondicionar este espazo municipal, lembrando que os veciños do rural tamén contribúen cos seus impostos ao mantemento dos servizos públicos.