A Federación Lucus Augusti reclama a reparación urxente das marquesiñas de autobús deterioradas en Lugo

LugoXa
A entidade veciñal denuncia a existencia de estruturas danadas e a falta de cubertas nalgunhas paradas e solicita un plan estable de mantemento da rede
marquesiña-Fingoi-Lugo
20 Jul 2026

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti trasladou ao Concello a súa preocupación polo estado de conservación de diversas marquesiñas de autobús da cidade e pola ausencia deste tipo de infraestruturas nalgunhas paradas, onde, segundo denuncia, a veciñanza leva anos agardando o transporte público sen ningún tipo de protección fronte ás condicións meteorolóxicas.

A entidade asegura que, tras o traballo realizado en distintos barrios e liñas de autobús, puido constatar a existencia de marquesiñas con cristais rotos, paneis desprendidos, estruturas deformadas, cubertas danadas e elementos metálicos en mal estado, unha situación que considera que supón un risco para as persoas usuarias do servizo.

Segundo explica a federación, as imaxes recollidas durante estas inspeccións evidencian un deterioro que, ao seu xuízo, non pode seguir sendo ignorado. Ademais, lembra que existen paradas nas que non hai marquesiña, polo que as persoas usuarias deben esperar ao autobús expostas á choiva, ao vento, ao frío ou ás altas temperaturas do verán.

A Federación Lucus Augusti subliña que unha marquesiña non é só un espazo de espera, senón un elemento esencial para ofrecer protección, seguridade e accesibilidade, especialmente ás persoas maiores, estudantes, familias e traballadores que empregan o transporte público de maneira habitual.

Neste sentido, advirte de que unha marquesiña deteriorada deixa de cumprir a súa función e pode converterse nun perigo. Cristais estalados, paneis soltos ou cubertas deterioradas incrementan o risco de cortes, golpes ou outros accidentes, ao tempo que deterioran a imaxe urbana da cidade.

A entidade considera que manter estas instalacións en bo estado resulta imprescindible para garantir a seguridade das persoas usuarias, protexelas das inclemencias meteorolóxicas, favorecer a accesibilidade, impulsar o uso do transporte público e contribuír ao coidado da contorna urbana.

Por este motivo, a Federación solicita á Alcaldía e á Concellería de Mobilidade a reparación inmediata de todas as marquesiñas con danos estruturais ou cristais rotos, a retirada urxente dos elementos que poidan resultar perigosos e a realización dunha revisión técnica integral de todas as instalacións, dando prioridade ás situadas nas zonas con maior afluencia de persoas.

Así mesmo, reclama a posta en marcha dun plan estable de mantemento e reposición que evite que estas infraestruturas permanezan durante meses ou anos en estado de deterioro, así como o reforzo das brigadas municipais de intervención para garantir unha resposta rápida cando se produzan incidencias que afecten á seguridade.

Desde a Federación conclúen que coidar as marquesiñas significa tamén coidar da cidadanía, ao tratarse dun servizo básico para garantir unha espera segura e digna ás persoas que utilizan diariamente o transporte público.

0.13061690330505