A Federación Veciñal Lucus Augusti denuncia o mal estado de numerosos pasos de peóns en Lugo

LugoXa
A entidade pide ao Concello que repinte a sinalización horizontal antes de que remate o verán por motivos de seguridade viaria
paso-de-peóns-Lugo
26 Jul 2026

A Federación de Asociacións Veciñais de Lugo Lucus Augusti denunciou o deficiente estado de conservación de numerosos pasos de peóns da cidade tras realizar un traballo de campo para avaliar a situación da sinalización horizontal. Segundo a entidade, moitos destes pasos atópanse parcialmente ou totalmente borrados, coas marcas moi desgastadas, o que supón un risco tanto para os peóns como para os vehículos.

A federación explica que o estudo abrangueu diferentes barrios e zonas de Lugo e permitiu detectar importantes carencias na sinalización de pasos de peóns en vías da zona norte, como Angelo Colocci, Avenida da Coruña, Camiño de Pipín, Calzada das Gándaras, Montefaro ou Mazaira. Tamén sinala deficiencias na zona sur, en rúas como San Roque, Claudio López, Fontiñas ou a Avenida de Magoi.

Así mesmo, indica que outras vías da cidade, como Rúa do Franco, Rúa das Fontes, Jacinto Calvo, Juana la Loca ou Pena do Rei, presentan igualmente un estado moi deteriorado. Entre os casos máis preocupantes, destaca o da rúa Rof Carballo, onde asegura que existen pasos de peóns practicamente desaparecidos.

Desde Lucus Augusti lembran que o verán adoita ser a época na que se realizan estes traballos de mantemento, xa que as condicións meteorolóxicas facilitan o pintado da sinalización horizontal.

Por este motivo, a federación solicita ao Concello de Lugo, e en particular á Concellería de Mobilidade, que proceda ao repintado dos pasos de peóns antes de que remate o verán para mellorar a seguridade viaria.

0.1244261264801