A Federación Veciñal Lucus Augusti reclama completar as obras do Leiraparking do HULA

A Federación de Asociacións Veciñais de Lugo "Lucus Augusti" reclama ao Concello de Lugo que complete as actuacións no aparcadoiro do HULA, coñecido como Leiraparking, para resolver as deficiencias que aínda presenta unha parte deste espazo. A entidade veciñal valora positivamente as obras executadas na primeira zona do aparcadoiro, pero considera que é necesario actuar tamén na área que continúa xunto á fachada principal do hospital.
Segundo explica a Federación, os traballos realizados na primeira parte permitiron ordenar o espazo, mellorar a accesibilidade e ofrecer unha solución útil para as persoas que acoden diariamente ao HULA. Porén, na segunda zona do aparcadoiro continúan existindo dificultades que afectan ao seu uso habitual.
Nesta área, os accesos presentan desniveis que complican a entrada e saída dos vehículos e tamén persisten fochancas e charcos que dificultan o estacionamento e a circulación. A entidade considera que estas deficiencias afectan especialmente ás persoas que necesitan utilizar o aparcadoiro en condicións de seguridade e comodidade.
A Federación sinala que non se trata de cuestións menores, xa que o Leiraparking dá servizo ás persoas que acoden a un dos principais centros sanitarios da provincia. "Un hospital non pode ter ás súas portas un aparcadoiro con zonas deterioradas, irregulares e sen unha solución definitiva", afirma.
Neste sentido, a entidade lembra que entre os usuarios do aparcadoiro se atopan persoas maiores, usuarios con mobilidade reducida e familias que poden chegar ao hospital en situacións de urxencia, polo que considera fundamental garantir unhas condicións adecuadas tanto para os vehículos como para os peóns.
Por este motivo, a Federación Veciñal "Lucus Augusti" solicita ao Concello de Lugo unha actuación que permita completar a mellora do aparcadoiro e que inclúa a reparación dos baches e das zonas danadas, a eliminación dos charcos e a solución dos problemas de drenaxe, así como a mellora dos accesos para garantir unha circulación segura.
A entidade destaca que o Leiraparking constitúe unha infraestrutura esencial para o funcionamento do HULA e para a vida diaria das miles de persoas que utilizan o hospital. Por iso, considera que a actuación non debe quedar incompleta nin manter zonas que poidan comprometer a seguridade ou a accesibilidade dos usuarios.
" A cidadanía merece un aparcadoiro digno, seguro e plenamente operativo", sinalan desde a Federación, que confía en que a súa petición sexa atendida coa maior brevidade posible.
Desde "Lucus Augusti" consideran que completar correctamente a intervención permitiría mellorar de maneira definitiva este espazo e converter unha infraestrutura de uso diario nun exemplo de boa xestión pública.