A Federación Veciñal Lucus Augusti reclama o arranxo urxente da pista que une Cuíña e Piugos

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti trasladou á Concellería de Medio Rural a preocupación expresada pola veciñanza das parroquias de Cuíña e Piugos polo mal estado da pista que comunica ambas localidades.
Segundo explica a entidade, durante as últimas semanas recibiu numerosas queixas de residentes que alertan do grave deterioro do firme, con fochancas continuas, afundimentos e tramos completamente degradados que dificultan a circulación e comprometen a seguridade das persoas que utilizan esta vía.
Representantes da Federación desprazáronse ata a zona para comprobar a situación e aseguran que puideron constatar o mal estado da pista, indicando que a circulación resulta complicada e que a infraestrutura non reúne as condicións mínimas que deberían garantir unhas comunicacións adecuadas no rural do municipio.
A organización considera "inadmisible" que os veciños de Cuíña e Piugos teñan que soportar esta situación e afirma que este estado das infraestruturas os fai sentir "como cidadáns de segunda". Ademais, lembra que corresponde ao Concello de Lugo asegurar que as vías municipais, tamén nas parroquias rurais, estean en condicións axeitadas de mantemento e seguridade.
Por este motivo, a Federación Veciñal Lucus Augusti solicita o arranxo inmediato da pista que conecta ambas parroquias e insta á Concellería de Medio Rural a actuar con urxencia para recuperar unhas condicións mínimas de transitabilidade. A entidade acompaña a súa petición con fotografías que, segundo indica, reflicten o estado actual da vía e a gravidade do seu deterioro.