A Federación Veciñal Lucus Augusti reclama un centro social e unha gardería pública para o barrio da Cheda

LugoXa
A entidade trasladará ao Concello de Lugo varias propostas para os orzamentos de 2027 tras reunirse coa veciñanza da Cheda e da contorna da Ronda do Carme
melloras-na-Cheda-Lugo
1 Aug 2026

A Federación Veciñal Lucus Augusti presentará unha serie de propostas de investimento para os orzamentos municipais de Lugo de 2027 tras manter diferentes reunións con veciños do barrio da Cheda e da contorna da Ronda do Carme. A entidade considera que esta zona da cidade precisa novas dotacións e actuacións de mellora para dar resposta ás necesidades dunha área cunha elevada densidade de poboación.

Entre as principais demandas figura a creación dun centro social para a veciñanza da Cheda e da Ronda do Carme. Segundo explica a federación, esta infraestrutura permitiría contar cun espazo destinado á celebración de reunións, actividades e encontros veciñais, favorecendo a convivencia e a participación social. A organización lembra que os centros sociais máis próximos atópanse en Fingoi, na rúa Trapero Pardo, no barrio da Residencia ou ao final da Avenida das Américas, polo que considera necesario dotar esta zona dun equipamento propio.

Outra das propostas pasa pola creación dunha gardería infantil pública ou dun punto de atención á infancia para nenos de entre 0 e 3 anos. A Federación Veciñal sinala que outros barrios da cidade, como A Milagrosa, A Piringalla ou O Castiñeiro, xa dispoñen deste tipo de servizos, mentres que as familias da Cheda e da súa contorna teñen que desprazarse varios quilómetros para acceder a eles.

A entidade destaca que se trata dunha zona con presenza de poboación nova e que a demanda deste tipo de servizos resulta especialmente necesaria para facilitar a conciliación familiar e laboral.

Ademais das novas infraestruturas, Lucus Augusti solicita actuacións de mantemento e conservación nas vías públicas do barrio. Entre as medidas propostas inclúense o desbroce de cunetas e camiños, a limpeza de pistas e rúas e a reparación de fochancas existentes en diferentes puntos.

Segundo explica a federación, representantes da entidade realizaron durante esta semana varias visitas á zona nas que puideron comprobar o estado dalgunhas rúas e beirarrúas. A través das imaxes recollidas durante estes percorridos, consideran que existe a necesidade de acometer traballos de desbroce xeneralizado, así como actuacións de limpeza e bacheado para mellorar as condicións de uso e seguridade dos espazos públicos.

0.11086201667786