A Federación Veciñal Lucus Augusti reclama unha renovación integral do alumeado no barrio da Residencia

A Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti solicita ao Concello de Lugo unha reforma integral do alumeado público no barrio da Residencia e na avenida das Américas, ante as deficiencias de iluminación que, segundo denuncia, afectan a numerosas rúas e repercuten na seguridade e na actividade comercial.
A entidade trasladou esta preocupación á Concellería de Vías, Obras e Alumeado a raíz das queixas recibidas por parte de residentes e comerciantes, que alertan da falta de luz en distintos puntos da zona, especialmente durante a noite. Entre os lugares con maiores carencias sinalan a rúa Cova da Serpe, que non conta con puntos de luz no lado esquerdo, e a rúa da Pomba, onde se produce unha situación similar no marxe dereito.
Segundo a Federación, o problema esténdese a boa parte do barrio, onde permanecen instalacións que nalgúns casos superan os 50 anos de antigüidade. A organización advirte de que moitas luminarias están situadas nun único lado das vías e teñen unha capacidade insuficiente para cubrir as necesidades actuais, ademais de presentar un elevado consumo enerxético e un impacto ambiental significativo.
Lucus Augusti considera que estas deficiencias afectan a un barrio que concentra equipamentos sanitarios, servizos públicos, zonas residenciais e unha importante actividade comercial. A asociación veciñal incide en que unha iluminación axeitada contribúe a mellorar a seguridade, a mobilidade peonil e a convivencia, ademais de favorecer o comercio e o uso dos espazos públicos.
Por este motivo, a Federación reclama que os Orzamentos Municipais de 2027 inclúan unha partida específica para renovar o alumeado do barrio da Residencia e da avenida das Américas, con especial atención ás rúas que presentan maiores carencias.
A proposta pasa por substituír as luminarias actuais por sistemas máis modernos e eficientes, con menor consumo enerxético, maior capacidade de iluminación e menos contaminación, co obxectivo de mellorar as condicións da contorna e avanzar na sustentabilidade.