A Feira do 48 xa ten nova data: Cántigas e Frores encherá de música e tradición a Praza Maior de Lugo

A Feira do 48 de Lugo xa ten data definitiva. A celebración organizada por Cántigas e Frores, que tivo que ser adiada en dúas ocasións debido ás condicións meteorolóxicas, terá lugar finalmente o sábado 26 de setembro na Praza Maior de Lugo.
A entidade cultural recupera así unha das súas citas máis destacadas cunha xornada dedicada á música, o baile tradicional e a cultura galega, na que participarán os diferentes grupos de Cántigas e Frores, xunto con artesáns e diversas propostas musicais e escénicas.
"A choiva fíxonos cambiar de plans dúas veces pero as nosas ganas de festa seguen intactas", sinalan desde a organización, que anima a veciñanza a participar nesta celebración para comezar o curso cunha proposta festiva e tradicional no centro da cidade.
A programación arrancará coa participación dos Cantareiros de Cántigas e Frores, que celebran dez anos de traxectoria musical. Serán os encargados de animar a sesión vermú cunha proposta festiva e participativa.
A xornada tamén contará cunha proposta especialmente pensada para o público familiar da man de Migallas Teatro, que presentará Cantaxoga, un espectáculo que combina música, humor e teatro co obxectivo de achegar a lingua e a cultura galegas a persoas de todas as idades.
Obradoiro de baile tradicional durante toda a xornada
Outro dos grandes atractivos da Feira do 48 será o obradoiro de baile tradicional impartido por Ismael Rodríguez, que se desenvolverá ao longo da xornada.
Rodríguez leva formándose nesta disciplina desde 2006, cando comezou no GMBT Rebulir, e recibiu formación de referentes do baile tradicional como Xisco Feijoó. Ao longo da súa traxectoria formou parte de agrupacións como A.C. Barca de Loimil e A.C. Traspés e colaborou con artistas como Xabier Díaz, Luar na Lubre ou Treixadura.
A súa experiencia tamén o levou a participar individualmente nas Xornadas da Hispanidade de Puebla, en México, e con diferentes agrupacións en festivais internacionais como o Festival Intercéltico de Lorient, Folk Azores ou o Integration Festival de Polonia.
Música tradicional galega para pechar a xornada
A programación continuará con diferentes actuacións musicais. A Murga de Cántigas e Frores será a encargada de abrir a noite e animar o ambiente no torreiro.
Posteriormente chegará a quenda de Murguinsky, cunha proposta festiva e participativa na que a música tradicional e a improvisación terán un papel protagonista.
O cartel complétase con Ferriñas Bravas, formación procedente de Vigo creada a partir das aulas de canto e pandeireta de O Fiadeiro. O grupo presentará un repertorio centrado na música tradicional galega e na recuperación do patrimonio musical.
A encargada de poñer o broche final será As Lagharteiras, agrupación de mulleres cunha longa traxectoria dedicada á compilación, conservación e divulgación da música tradicional galega. A través da voz e da percusión, ofrecerán un percorrido pola riqueza cultural de Galicia.
A organización anima a estar atentas ás súas redes sociais, onde se dará a coñecer proximamente toda a información sobre a programación da Feira do 48 de Lugo.
A iniciativa conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O cartel desta edición foi deseñado por Lucía Piñeiro Estévez.