A Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña impulsa novas poxas á alza da Rubia Galega en Cervantes

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, ACRUGA, mantivo en Cervantes a tendencia positiva das cotizacións nas súas poxas tras pechar a subasta de tres xovencas preñadas cun prezo medio de 3.600 euros, 700 euros por enriba do prezo de saída. O resultado repetiu a dinámica rexistrada na anterior cita celebrada en Láncara a comezos de mes.
A poxa desenvolveuse no marco da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, un encontro que adoita ofrecer bos resultados para a asociación e que serve tamén como escaparate de promoción para a raza rubia galega, que continúa gañando peso no sector gandeiro.
Unha gandeira socia de ACRUGA con explotación en Pedrafita do Cebreiro foi a adxudicataria das tres reses, que se venderon por 3.400, 3.100 e 4.300 euros respectivamente. Tratábase de xovencas de entre 21 e 23 meses, preñadas de entre tres e catro meses, procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, e de explotacións situadas nos concellos de Vilalba e Lugo.
O presidente de ACRUGA, César Dorado, valorou positivamente os resultados e salientou a importancia deste tipo de feiras para reivindicar o potencial da rubia galega como raza autóctona. Neste sentido, defendeu a súa calidade cárnica e a súa capacidade de crecemento dentro do sector gandeiro.