A Festa da Troita con Xamón reunirá este domingo a máis de 500 veciños do rural de Lugo

LugoXa
A cuarta edición do encontro congregará no barrio da Ponte representantes de 25 parroquias e incluirá a entrega dos recoñecementos "Amiga/o do Rural" e unha demostración de cestería tradicional
Troita-Pontenova-2025-2
25 Sep 2026

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti celebrará este domingo, 27 de setembro, a cuarta edición da Festa da Troita con Xamón, un encontro de convivencia que reunirá no barrio da Ponte a representantes de 25 parroquias do municipio e a máis de 500 veciños e veciñas procedentes do rural lucense.

A xornada terá como escenario o campo da festa da Asociación de Veciños de San Lázaro, entidade que participa activamente na organización desta iniciativa promovida pola Federación Lucus Augusti.

A comida de confraternización está prevista para as 14:00 horas, nas carpas habilitadas no recinto festivo. Xa arredor das 16:00 horas terá lugar a entrega dos recoñecementos "Amiga/o do Rural", que nesta cuarta edición alcanzarán as 19 distincións. Con estes galardóns, a Federación pretende recoñecer o compromiso e o traballo de persoas e entidades vinculadas á defensa, dinamización e desenvolvemento do medio rural lucense.

A programación incluirá tamén acompañamento musical e, a partir das 16:30 horas, unha demostración de cestería tradicional. A actividade prolongarase ata as 20:00 horas e permitirá aos asistentes coñecer de preto un dos oficios artesanais vinculados ao patrimonio cultural.

Tanto a comida popular como a demostración de cestería tradicional contan co financiamento da Deputación de Lugo. A colaboración da institución provincial permite desenvolver estas actividades orientadas a favorecer a convivencia e a posta en valor do rural lucense.

Desde a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti destacan que a cuarta edición da Festa da Troita con Xamón consolida este encontro como unha das citas de convivencia do rural do municipio, ao facilitar o encontro entre as diferentes parroquias e reivindicar a dimensión social, cultural e humana das comunidades rurais de Lugo.

0.16009902954102