A filosofía do Club Judo Lugo: aprender a levantarse dentro e fóra do tatami

LugoXa
Fundado en 1981, o club conta con arredor de 250 licenzas e aposta polo deporte base, a educación en valores e unha práctica adaptada a todas as idades
adestradores-Judo-Lugo-horizontal
4 Nov 2026

Jessica Fernández

Aprender a caer, levantarse e volver intentalo resume boa parte da filosofía do Club Judo Lugo, unha entidade fundada en 1981 que está a piques de cumprir medio século de traxectoria. Máis alá da técnica e da preparación física, o club concibe o judo como unha ferramenta educativa coa que traballar desde a infancia valores como o respecto, a disciplina, o autocontrol, a constancia e a superación persoal. Cunha comunidade duns 250 deportistas, a súa prioridade segue a ser o deporte base e unha formación na que o crecemento persoal ten tanto peso como a evolución deportiva.

Esta maneira de entender o judo cobra especial protagonismo no traballo de María Santos, directora da base e unha das figuras que mellor coñece a evolución da entidade. Vinculada ao club desde 1984, cando chegou con apenas catro anos, hoxe combina a experiencia como adestradora coa responsabilidade de impulsar e organizar a formación das novas xeracións. O seu labor representa a aposta por achegar o judo aos máis pequenos e facer do tatami un espazo no que, ademais de aprender unha disciplina deportiva, adquiran ferramentas para afrontar os retos dentro e fóra del.

"O noso principal obxectivo nunca foi a competición nin o alto rendemento, porque lle damos moita importancia á base, ao aspecto lúdico e educativo", sinala Santos. Esa filosofía determina a maneira de traballar cos máis pequenos e tamén o acompañamento dos deportistas que, ao medrar, deciden se queren orientar a súa práctica cara á competición ou se prefiren continuar adestrando sen participar en torneos.

Os éxitos individuais tamén son colectivos

A aposta polo desfrute do deporte non impediu que o Club Judo Lugo acadase resultados destacados ao longo da súa historia. Entre os nomes vinculados á entidade figura Sara Álvarez Folgueira, campioa de Europa. Nas categorías inferiores tamén sobresaíron judocas como Iria García, quinta nos Xogos Olímpicos da Xuventude, Maite Ríos Cortiñas e Juan Carlos Trillo, irmán do presidente do club, que foi campión de España.

A propia María Santos foi campioa galega en máis de dez ocasións, en diferentes categorías, e acadou o quinto posto no Campionato de España júnior e no universitario. Con todo, estes logros non se entenden unicamente desde o esforzo individual. A preparación require compañeiros cos que adestrar, aprender técnicas e mellorar, polo que o progreso dun deportista depende tamén do traballo do grupo.

"A pesar de que destacamos os éxitos individuais, porque é un deporte individual, o importante do judo é que, de feito, é un dos seus principios: para crecer como competidor necesitas que o resto da xente creza contigo. Existe un progreso mutuo como judoca", explica Santos.

A colaboración resulta fundamental para avanzar e preparar as competicións. "Se non tes ao teu redor bos judocas cos que adestrar, é moi difícil sacar resultados deportivos. Aínda que a medalla a leve unha persoa, realmente o mérito e o éxito é do club enteiro", engade. Por iso, a entidade dá importancia tanto aos resultados como ao traballo diario que permite que cada alumno mellore segundo as súas capacidades.

Respecto, disciplina e capacidade para superarse

A filosofía xaponesa do judo mantén o respecto e a disciplina como piares da práctica. Estes valores están presentes en xestos como o saúdo, denominado rei, que se realiza ao comezo e ao final das clases, así como antes e despois dos combates. É unha mostra de respecto cara aos compañeiros e adversarios que forma parte da aprendizaxe desde as primeiras sesións. "É un deporte que vén de Xapón, polo que ten toda unha filosofía oriental centrada no respecto e na disciplina. Iso si que se conserva, aínda que se foi modificando un pouco ao longo dos tempos. É importante que se conserve", afirma Santos.

O autocontrol, a humildade, o compañeirismo e o afán de superación tamén se traballan durante os adestramentos. Para reforzar estas actitudes entre os nenos e nenas, o club utiliza un sistema de puntos que recoñece o bo comportamento e o respecto ás normas. Así, a formación non se limita á técnica, senón que incorpora hábitos que poden trasladarse á vida cotiá. Aínda que Santos destaca especialmente a resiliencia, unha capacidade que relaciona coa propia dinámica deste deporte. "O judo é un deporte no que hai proxeccións, é dicir, estás caendo continuamente, e é moi importante volver levantarse e volver empezar. Eses son aprendizaxes que se poden trasladar á vida", explica.

O judo tamén ofrece beneficios físicos, mentais e sociais. A súa práctica require coordinación, concentración e control dos movementos, ademais de traballar capacidades como a resistencia e a flexibilidade. O adestramento compartido favorece, á súa vez, a convivencia e a aprendizaxe en grupo. "Aparte dun desenvolvemento en valores, o judo engloba un desenvolvemento físico, un desenvolvemento mental e un desenvolvemento a nivel social. É dicir, ten un carácter integrador do desenvolvemento da persoa", resume Santos. A directora lembra tamén que a UNESCO recomendou esta disciplina en 1996 como actividade física para nenos e mozos de entre catro e vinte anos.

Unha das dúbidas habituais das familias é se se trata dun deporte violento. Santos rexeita esa idea e destaca o papel do autocontrol: "O que fas é conseguir canalizar a enerxía, pero nunca é agresividade". A técnica baséase nos agarres, os desequilibrios e as proxeccións, así como nas inmobilizacións unha vez no chan. Non hai golpes, unha diferenza importante respecto doutras disciplinas de combate.

Ademais, o traballo técnico implica ambos os lados do corpo e require combinar movementos diferentes cos brazos e coas pernas. Esta práctica contribúe a desenvolver a coordinación bilateral e a capacidade para executar accións complexas, ao tempo que se aprende a controlar a forza e a respectar os límites do compañeiro.

Un deporte para todas as idades

O Club Judo Lugo adoita incorporar nenos e nenas a partir dos catro anos e non establece unha idade máxima para practicar. De feito, hai persoas que continúan adestrando arredor dos setenta anos. A continuidade é unha das prioridades da entidade, que busca que os alumnos manteñan o interese polo deporte máis alá das primeiras etapas de formación. "Non é importante que saquen resultados deportivos cedo, senón que o noso obxectivo é que cheguen á idade adulta gozando do judo, do noso deporte e dunha maneira saudable", indica Santos.

Nas primeiras categorías, as competicións teñen un carácter lúdico e están adaptadas á idade dos participantes. Nenos e nenas compiten xuntos, aínda que se manteñen as divisións por peso. A partir da categoría infantil comezan a separarse por sexos, debido ás diferenzas físicas que aparecen co desenvolvemento. Nos encontros de iniciación, todos reciben un premio de participación e a finalidade é aprender e gozar da experiencia, non conseguir medallas. A partir dos dezaseis, dezasete ou dezaoito anos, a competición pode gañar peso para quen quere avanzar nesa dirección. Con todo, tamén hai deportistas que prefiren adestrar sen competir. O club respecta ambas as opcións: "Priorizamos o obxectivo do deportista. O que quere competir, compite, e dáselle a oportunidade e acompáñase. Pero o que non quere competir goza do deporte sen necesidade de facelo", explica Santos.

Adestramentos diarios e apoio institucional

A actividade desenvólvese no Ximnasio Lugo, con tres quendas de adestramento infantil: de 17:00 a 18:00, de 18:00 a 19:00 e de 19:00 a 20:00 horas. Ademais, os luns, mércores e venres hai sesións para adultos. O equipo de adestradores está formado por David Pérez, Carlos Segade e María Santos, coa participación ocasional do presidente, Amador Trillo Morado. As persoas interesadas poden probar o judo mediante unha ou dúas sesións gratuítas e decidir despois se queren incorporarse. Non é necesario agardar ao inicio da tempada, xa que o club admite novas incorporacións durante todo o ano.

Manter a actividade, especialmente no ámbito competitivo, tamén require recursos. Os desprazamentos, as comidas e as horas que os adestradores dedican a acompañar os equipos supoñen gastos que poden prolongarse durante toda unha xornada, sobre todo nas competicións de base, nas que participan diferentes categorías. "É moi importante contar coas diferentes organizacións, porque, se non, é moi difícil levar a cabo as actividades de judo, sobre todo a nivel de competición", advirte Santos. Aínda que un combate poida durar entre 3 e 5 minutos por neno, os adestradores teñen que permanecer desde a mañá ata a tarde. "É un traballo que non se ve, pero hai que facelo. Por iso, cando hai subvencións, sempre as solicitamos", engade.

O Club Judo Lugo continúa a combinar a formación técnica coa educación en valores. Os resultados deportivos forman parte da súa historia, pero a prioridade segue sendo atopar no judo unha actividade saudable e gozar do deporte.

0.15097689628601