A Foliada da Fonsagrada celebrará a súa undécima edición do 4 ao 6 de decembro

A Foliada da Fonsagrada xa ten datas para a súa undécima edición, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de decembro. A organización confirmou tamén que esta convocatoria estará dedicada a Manuel Gutiérrez Fernández, coñecido como 'O Rubio de Xan de Maderne', un dos músicos que contribuíron a manter viva a tradición gaiteira da comarca.
Nado en Maderne en 1927, Manuel Gutiérrez formou parte do quinteto Os de Maderne, no que tocaba tanto a gaita como o clarinete. O instrumento co que interpretaba a música tradicional fora construído por Fermín, un artesán de Grandas de Salime. Ademais da súa traxectoria musical, tamén exerceu como mestre de Modesto de Murias, contribuíndo á transmisión dos coñecementos e da afección pola música tradicional entre distintas xeracións.
O cartel desta edición propón tamén un percorrido pola identidade e a memoria da Fonsagrada. Nel aparecen referencias ao Castro de Castañoso e á súa sauna castrexa, así como a Forges e Selelo, figuras vinculadas ás raíces da localidade. A proposta incorpora igualmente o Entroiro, unha tradición propia que está a recuperar protagonismo.
Todos estes elementos conflúen arredor da imaxe dunha polavila, as antigas reunións veciñais nas que a música, o canto e o baile servían como punto de encontro e celebración. Unha maneira de compartir que a Foliada pretende manter viva a través da música tradicional e da participación da comunidade.