A Fonsagrada acolle unha charla dentro do programa Toponimízate

LugoXa
O concello lucense da Fonsagrada acollerá unha charla Toponimízate o vindeiro venres19 de agosto a partir das 19:00 horas
Toponimizate fonsagrada portada
17 Ago 2022

A Campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra retoma a súa actividade despois de tres semanas e desprázase ao concello lucense da Fonsagrada. O evento terá lugar este venres 19 de agosto a partir das 19.00 no salón de actos municipal dos Chaos e será presentado por Antón Santamarina, académico numerario nativo deste concello que recibiu en 2019 o butelo de ouro, por Carlos López, alcalde, e por María Xosefa Ortiz, concelleira do BNG.

A Real Academia Galega fai un chamamento a que acudan á cita todas as persoas interesadas no noso patrimonio inmaterial e etnográfico e, especialmente, a aquelas que sexan coñecedoras do territorio deste concello. A Fonsagrada, con 438,4 quilómetros cadrados, é o municipio con maior superficie de toda Galicia, o que o converte nun dos territorios con maior riqueza toponímica, se non o que máis.

Porén, esta riqueza aínda non está rexistrada no visor de Galicia Nomeada, a plataforma onde están dispoñibles todos os topónimos do país recompilados ata o momento.Actualmente só hai recollidos 422 topónimos para todo este amplo territorio, unha cantidade ben pequena se temos en conta que 293 deles corresponden ás entidades de poboación que existen neste concello e que a densidade media de topónimos por quilómetro cadrado rolda a trintena.

Por tanto, a procura de persoas que queiran colaborar coa Real Academia Galega e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para recuperar a toponimia fonsagradina será un dos principais obxectivos do evento. A charla será impartida por Vicente Feijoo, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica e coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada. O funcionamento desta plataforma e como colaborar con ela será un dos temas principais que se tratarán na charla Toponimízate. Outro, será falarlles aos asistentes da orixe e significado dos nomes das 29 parroquias da Fonsagrada e dalgún dos 293 lugares do concello. Nesta parte máis científica conta coas achegas etimolóxicas de Gonzalo Navaza, experto en toponimia e académico da RAG.

Entre os diferentes topónimos que serán explicados na charla, cómpre salientar a curiosidade de que Cospeito, Riotorto, Vilalba, A Burela ou Pastoriza son, ademais de municipios da provincia, entidades de poboación fonsagradinas. Cospeito, por exemplo, explícase a partir do participio do verbo latino CONSPICTI visible, vista, mirador, isto é, CONSPECTUS; no entanto, outros teñen unha orixe máis escura como é o caso do topónimo A Burela: pode ser un hidrónimo derivado de dúas posibles raíces prelatinas, *BURA, fervenza’ou BORA, lameira, auga estancada; e tamén se propuxo a súa procedencia a partir da raíz xermánica BURA, casa, que tamén explicaría outro topónimo fonsagradino, A Pobra de Burón. Estes e outros topónimos serán analizados no relatorio do venres pola tarde.

05_AFonsagrada_Top_2022
0.2264928817749