A Fonsagrada acollerá a exposición 'Nós tamén fomos emigrantes'

O Concello da Fonsagrada, ABANCA e Afundación asinan este luns 11 de maio o convenio de colaboración para a exposición 'Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX', nun acto que terá lugar ás 11.30 horas na Casa do Concello da Fonsagrada.
Na sinatura participarán o alcalde da Fonsagrada, Carlos López, o coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Carlos Teijeiro, e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
A exposición poderá visitarse entre o 22 de maio e o 3 de xullo na Casa da Cultura da Fonsagrada e reúne unha selección de corenta fotografías procedentes dos arquivos da Axencia EFE, centradas na emigración española e galega ao longo do século XX. A proposta busca achegar ao público esta realidade histórica a través da mirada dos fotoxornalistas da época, combinando documentación e testemuño humano.
Esta iniciativa forma parte do proxecto “Corrente cultural”, impulsado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, co obxectivo de promover o acceso á cultura en diferentes puntos de Galicia e levar a oferta artística máis alá das súas sedes habituais, contribuíndo ao desenvolvemento cultural das vilas galegas.